Fórmana 105 fotografías, ademais de cámaras e outros aparatos
O Centro Cultural Lustres Rivas quedouse pequeno para acoller a inauguración onte pola noite da exposición 15x 20 Mate coa que se conmemora o 60º aniversario de Lesmes Fotógrafos.
Alí estaba presente a última xeración desta saga de profesionais, conformada polos irmáns Lesmes, Manolo e Flora Iglesias; xunto a representantes de todos os grupos da Corporación Municipal; presidentes de asociacións locais; artistas, familiares e infinidade de veciños que quixeron acudir á sala para contemplar de primeira man o contido desta mostra, composta por un total de 105 instantáneas tomadas dende a década dos anos 50 (cando Lesmes Iglesias Ferrero, avó da actual xeración, fundou Foto Iglesias) ata principios do século XXI.
Tras as palabras introdutorias da concelleira de Cultura, Fabiola García, tomou a palabra Lesmes Iglesias quen pronunciou unhas palabras repletas de emotividade nunha intervención na que non faltaron as bágoas. “Por fin hoxe é o día en que rematamos o que o noso pai empezou” foron as súas primeiras verbas.
Foi o proxenitor Manolo Lesmes quen, fai tres anos, tivo a idea de preparar unha exposición e para iso seleccionara unhas 800 imaxes. Esta primeira criba foi filtrada ata tres veces ata acadar estas algo máis dun cento de fotografías exhibidas, que inmortalizan momentos tan significativos como o derrubo da antiga Casa do Concello, a construción da praza de abastos e do edificio da Caixa de Aforros ou vellas imaxes de celebracións como as festas da Dorna, de Riveira e de Santa Uxía, a Semana Santa ou a Cabalgata de Reis; ademais de retratos e pequenos momentos importantes para moitos veciños.
O acto concluíu coas palabras do alcalde Manuel Ruiz, quen tamén tivo palabras de recordo para Manolo Lesmes e manifestou que si houbera que buscar a historia de Riveira, habería que buscala seguramente nos arquivos da familia Lesmes.
Integran tamén esta exposición diversas cámaras, das cales algunhas se remontan a principios do século pasado, e outros artiluxios, como unha caixa de retoques.
Asombrosa caricatura
E non hai que deixar de destacar a “asombrosa caricatura” (segundo palabras de Fabiola García) de Manolo Lesmes que compuxera Pepe Núñez en 1977 xuntando arredor de 2.500 fotos de carné miniaturizadas.
A mostra poderá ser visitada ata o 23 de abril.