
Solicitará a súa adhesión á rede Destinos Turísticos Intelixentes da Secretaría de Estado de Turismo
Alcaldes, concelleiros e técnicos de Turismo dos once municipios que compoñen o Xeodestino Terras de Santiago mantiveron unha mesa de traballo para avanzar dentro dos obxectivos de dixitalización recollidos no Plan de Sostibilidade Turística en Destino (PSTD) Terras de Santiago. Unha reunión na que acordaron implantar un canal turístico de televisión por IP, que estará dispoñible en todas as oficinas de turismo e locais de equipamento público do xeodestino.
Este canal, que tamén estará dispoñible a través da Internet, ofrecerá información sobre os servizos e axenda de actividades dos once concellos do xeodestino Terras de Santiago: Ames, A Baña, Boqueixón, Brión, Negreira, Padrón, Rois, Santa Comba, Teo, Val do Dubra e Vedra. Na reunión mantida en San Xián de Sales (Vedra), os asistentes acordaron asinar un convenio de colaboración para que Terras de Santiago dote aos concellos das pantallas e equipamento necesario para poñer en marcha o sistema. Pola súa banda, os municipios comprometéronse a achegar toda a información precisa para que se difunda de forma axeitada.
Estas televisións emitirán de forma continuada información sobre os distintos atractivos do Xeodestino Terras de Santiago, cun atractivo sistema de carátulas diferenciadoras que proporcionarán unha información sinxela, útil e directa. Canda esa información, tanto o visitante como as persoas residentes terán acceso a todas as actividades lúdicas, culturais e sociais que se desenvolvan no xeodestino, algo que beneficiará directamente a todo o sector turístico da contorna (aloxamentos, restaurantes, empresas de actividades turísticas…).
Destino turístico intelixente
Por outra banda, os presentes acordaron solicitar a adhesión do Xeodestino Terras de Santiago á rede Destinos Turísticos Intelixentes (DTI) da Secretaría de Estado de Turismo, que busca contribuír a mellorar a competitividade dos destinos turísticos ao tempo que mantén a calidade de vida das persoas residentes.
Con esta adhesión, o Xeodestino Terras de Santiago aposta por converterse nun destino turístico innovador, consolidado sobre unha infraestrutura tecnolóxica de vangarda, accesible para todas as persoas e que facilita a interacción e integración da persoa visitante coa contorna, incrementando así tanto a calidade da súa experiencia nos municipios e mellorando tamén a calidade de vida do residente.
A día de hoxe, a Rede DTI está integrada por un total de 691 membros, dos que 501 son integrantes titulares, 92 membros institucionais, 91 entidades colaboradoras e 7 membros observadores.
Deja un comentario
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.