Tuesday 08 de July de 2025

Chega a San Sadurniño a exposición “Castelao. 75º Cabodano”


A mostra é unha cesión temporal do Concello de Cedeira que poderá visitarse ata fin de mes na galería do primeiro andar do antigo pazo da marquesa

O Concello de San Sadurniño comprometeuse a empezos deste 2025 coa celebración do Ano Castelao, que conmemora o 75º cabodano do escritor e galeguista rianxeiro. Castelao é, sen dúbida, a figura galega máis relevante do século XX pola súa obra artística e literaria e, máis que nada, pola dimensión do seu pensamento político, parello do seu inmenso compromiso co país (buscade o Sempre en Galiza e aproveitade para lelo se aínda non o lestes). Dentro das homenaxes que se lle renden ao intelectual, en San Sadurniño acaba de dárselle o nome de Rúa Castelao á vía que vai desde a Casa da Cultura até o Pavillón Municipal pasando por diante do Centro de Saúde. E ademais, durante este mes de xullo pode visitarse na galería da Casa do Concello unha exposición cedida polo Concello de Cedeira, á que se lle suma o espectáculo “Pegadas de Castelao” ao que poderemos asistir de balde o venres 18 pola mañá.

A mostra, titulada “Castelao. 75º Cabodano”, está aberta desde este luns ocupando parte dos corredores do primeiro andar da casa consistorial. Nela xúntanse paneis explicativos sobre a súa traxectoria artística, literaria, vital e política cunha colección de 75 libros coas súas obras ou con ensaios e investigacións arredor da súa figura.

Moitas das obras proceden dos fondos da biblioteca municipal de Cedeira e outros dunha colección particular. Ademais tamén se pode ollar o volume “O Humorismo gráfico de Castelao” con todos os debuxos humorísticos do autor. O libro, adquirido hai uns anos polo Concello de San Sadurniño, é un facsímil de edición limitada a 333 exemplares.

Xunto co percorrido pola produción editorial de Castelao, a exposición presenta tamén unha colección dos cartaces que son un escaparate da súa traxectoria vital e do seu compromiso intelectual con Galicia. Entre eles está un especialmente curioso sobre a estrea da Rianxeira, a canción composta por Anxo Romero para homenaxear a Castelao á súa chegada a Bos Aires.

A exposición é unha iniciativa do departamento de Cultura do Concello de Cedeira, onde permaneceu até o pasado 25 de xuño, e agora chega cedida a San Sadurniño para permanecer entre nós durante todo este mes de xullo. Poderá visitarse nos horarios de apertura da casa consistorial: de 08:30 a 14:30h de luns a venres, agás festivos.

O venres 18, “Pegadas de Castelao”
Ademais desta exposición didáctica, nuns días, o venres 18 de xullo, a Casa da Cultura acollerá ás 11:30h e con entrada libre a proposta “Pegadas de Castelao”, de Migallas Teatro. Trátase dunha obra teatral que, como indica o propio título, nos mostrará con monicreques, traballo actoral, pantomima e cantares de cego, entre outras técnicas, as profundas pegadas que deixou Castelao na historia e na cultura de Galicia.

A elección da data non é resultado do azar, senón que o Goberno local quixo que esta nova homenaxe ao intelectual galeguista cadrase co recordatorio do golpe de Estado militar que desencadeou a Guerra Civil, enterrou o Estatuto votado tan só uns días antes e deu pé a 40 anos de ditadura franquista.

“É unha coincidencia simbólica”, apunta o alcalde, Secundino García Casal. “Lembrar a Castelao, recoñecelo como persoeiro clave da nosa historia e buscar inspiración no seu pensamento social e político son exercicios que debemos facer sempre que poidamos. E de igual maneira debemos ter moi presentes os sucesos que truncaron os soños da República e dunha Galicia dona do seu destino que en 1936 camiñaba con paso firme cara á autodeterminación e a modernidade”, conclúe o rexedor local.

Deja un comentario