Tuesday 08 de July de 2025

O Concello de Lousame abre hoxe as inscricións nas “Leisure activities in english”, que terán lugar do 4 ao 8 de agosto


Serán impartidas por Zhenya Yordanova e Ogsanna Yeritsyan, que veñen de incorporarse a Lousame a través do programa de voluntariado do Corpo Europeo de Solidariedade

O Concello de Lousame abre hoxe o prazo de inscrición no programa “Leisure activities in english”, que será impartido polas novas voluntarias europeas Zhenya Yordanova e Ogsanna Yeritsyan. Trátase dun programa gratuíto de actividades educativas e de ocio impartidas unicamente en inglés e que terá lugar os días 4, 5, 6, 7 e 8 de agosto no local social do Sanguiñal (Tállara), en horario de 10:30 a 13:30 horas.

Zhenya e Ogsanna, que forman parte do programa de voluntariado do Corpo Europeo de Solidariedade, colaborarán co Concello de Lousame na posta en marcha desta proposta e serán as encargadas de fomentar o uso do inglés durante as actividades. “O programa inclúe pintura, karaoke, música, xogos, cine, creatividade, teatro, conversas e moito máis, todo en lingua inglesa para que os nenos e nenas sigan practicando o inglés no verán e o pasen moi ben”, explica a concelleira de Cultura, Silvia Agrafojo.

As “Leisure activities in english” están dirixidas a nenos e nenas de entre 6 e 11 anos de idade. Contará con 30 prazas, que poden reservarse dende hoxe a través de www.bandoticket.com. O Concello de Lousame establece un dobre prazo de inscrición: ata o 18 de xullo para persoas empadroadas no municipio e, no caso de quedaren prazas libres, do 19 ao 24 de xullo para empadroadas noutros concellos.

Deja un comentario