Tuesday 08 de July de 2025

Doctor Snob protagoniza As Tardes do Alfar deste xoves nas Torres de Santa Cruz


Este xoves 10 de xullo continúa no parque das Torres de Santa Cruz a edición do microfestival As Tardes do Alfar, e faino cunha das bandas máis singulares e veteranas da escena galega: Doctor Snob, coñecidos polo seu son enérxico, letras afiadas e espírito comprometido. O concerto dará comezo ás 20h, nun espazo ao aire libre con entrada libre e
ambiente familiar.

Como é habitual, a tarde abrirase ás 19h cunha demostración de olería ao vivo da man do oleiro Alberto Añón, que converterá o parque nun espazo de creación artística e cultura tradicional, nunha experiencia única para todos os públicos.

En maio deste ano, Doctor Snob presentou o seu novo traballo discográfico, Donde arrecia el vendaval, un álbum coidado e potente, cheo de guitarras afiadas, melodías pegadizas e letras directas que homenaxean ao mellor rock clásico con toques de pop. Este novo disco reflicte a madurez e a paixón da banda tras máis de tres décadas nos escenarios, con temas como Por dirección prohibida ou Viejo Reloj, cargados de nostalxia e forza, e outros como ¿Quién se lo llevó? ou El mundo al revés, que desprenden unha potente enerxía rockeira.

En As Tardes do Alfar, Doctor Snob regresa a Oleiros, despois de ter pasado polo Rockanroleiros do ano pasado, para ofrecer un concerto no que reivindican a súa madurez musical e traen consigo todos estes novos temas, deixando que a boa música acompañe unha gran noite de verán no centro de Santa Cruz.

Deja un comentario