Tuesday 08 de July de 2025

O Ciclo Principal de Outono levará ao Teatro Rosalía de Castro once obras entre setembro e decembro


Grandes figuras da actuación como Lola Herrera ou María Galiana e obras premiadas como ‘Matres’ destacan na programación

O Teatro Rosalía de Castro acolleu esta mañá a presentación do Ciclo Principal de Outono 2025, que contará cun total de once obras representadas entre os meses de setembro e decembro. O concelleiro de Cultura e Turismo, Gonzalo Castro, presentou este ciclo acompañado polo director do Teatro Rosalía de Castro, Paulo Rodríguez.
O Ciclo Principal de Primavera está organizado polo Concello da Coruña e conta co apoio da Rede Galega de Teatros e Auditorios.
“O Goberno de Inés Rey sabe do potencial do Teatro Rosalía de Castro, un recinto referente a nivel nacional que seguirá acollendo as mellores representacións teatrais galegas e estatais, afianzando A Coruña como o gran referente cultural que é”, sinalou Gonzalo Castro.

O edil tamén celebrou que o teatro público municipal acadase o récord histórico de abonos na temporada de primavera, con 624 persoas.
Nesta nova edición do Ciclo Principal de Outono destaca a presenza de grandes figuras da actuación a nivel nacional como Lola Herrera, que protagoniza ‘Camino a la Meca’ os días 12 e 13 de setembro, no que será a primeira obra desta edición. ‘Go Home’ regresará aos escenarios da cidade coa figura destacada de Josito Porto, nun papel que lle valeu o recoñecemento a nivel nacional. As representacións serán o 26 e 27 de setembro.

Tamén destaca dentro da programación ‘Matres’, que se representará o venres 10 de outubro. Esta obra producida pola compañía Cia Campi Qui Pugui acadou distintos premios este ano, como o Premio á Mellor Autoría nos Premios Feten 2025. Un espectáculo que destacará polo seu formato será ‘El Enterrador’, no que Pepe Zapata invitará o público a subir ao escenario e ver desde outra perspectiva a actuación. A programación do Ciclo Principal de Outono tamén inclúe a adaptación de Ignacio del Moral e Javier Hernández-Simón da premiada película ‘Los lunes al sol’, de Fernando León de Aranoa, que se representará os días 12 e 13 de decembro. O ciclo pecharase o 27 de decembro cunha proposta en clave coruñesa: ‘Crisálida’, de Juan Rodríguez e Laura Sarasola. Esta obra explorará a memoria colectiva da cidade.

O período de renovación dos abonos abrirase o 15 de xullo e prolongarase ata o 29 de agosto, no despacho de billetes da praza de Ourense no seu horario habitual. Cada persoa abonada terá reservada a localidade que ocupou na anterior edición e manterá o seu tipo de abono: para venres ou sábado.

O prezo do abono vai de 51,75 a 117,75 euros, en función do tipo de localidade, e inclúe o acceso ás oito funcións dobres (venres e sábado) e a compra preferente cun desconto do 25% para as funcións soltas (‘Matres’, ‘El Enterrador’ e ‘Crisálida’). Os/as abonados/as interesados/as en cambiar de asento, de localidade ou de día deberán renovar nos días e horarios establecidos, e poderán optar só ás localidades non ocupadas por outras persoas abonadas. Para acceder ás localidades que queden libres por non seren renovadas, as persoas interesadas deberán acudir a billeteira da praza de Ourense o día 1 de setembro.

Os días 2 e 3 de setembro abrirase o período de venda para novos abonados e o 5 de setembro ás 11.00 horas comezará a venda de entradas soltas para todos os espectáculos.
Todas as funcións do ciclo serán ás 20.30, salvo ‘El Enterrador’, que terá unha dobre sesión ás 18.30 e 20.30 horas.
Programación do Ciclo Principal de Outono 2025
● 12 e 13 de setembro, Camino a la Meca de Athol Fugard dirección de Claudio Tolcachir. Produción Pentación Espectáculos.
● 26 e 27 de setembro, Go Home de José Luís Prieto Roca, dirección de Tito Asorey. Produción Etiqueta Negra.
● 03 e 04 de outubro, Iconos o la exploración del destino de Rafael Álvarez “El Brujo”. Produción Gestión y Producción Batky SL3
● 10 de outubro, Matres, creación colectiva de Jordi Pedrós, Cristina García, Aitana
Giralt, Erik Varea e Marc Espinosa. Produción de Cia Campi Qui Pugui.
● 18 de outubro, El Enterrador, con guión e dirección de Gerard Vázquez. Produción de Teatros de Dos en coprodución con Mediterránea. Nota: espectáculo non accesible para mobilidade reducida. Espectáculo con aforo limitado.
● 07 e 08 de novembro, María Callas, Sfogato de Pedro Víllora e dirección de Alberto Frías. Produción de ATG Entertainment.
● 14 e 15 de novembro, Dysphoria con texto e dirección María Goiricelaya. Produción de Histrión Teatro. Programación especial no mes da loita contra a violencia machista.
● 28 e 29 de novembro Yo sólo quiero irme a Francia con texto e dirección de Elisabeth Larena. Contraproduccións en coprodución con Tentazioa Producciones e Yapadú Producciones.
● 12 e 13 de decembro, Los Lunes al sol de Fernando León de Aranoa e Ignacio del Moral. Adaptación de Ignacio del Moral e Javier Hernández- Simón, con dirección de Javier Hernández- Simón. Produción de GG Producción Escénica e Teatro del Nómada coa participación de: AJ Claqué, Mardo, Saga Producciones, Juan Carlos Castro e María Díaz Comunicación.
● 18 e 19 de decembro, Hoy no estrenamos de L´Om Imprebis. Codirección Michel López e Santiago Sánchez. Produción L´Om Imprebis.
● 27 de decembro, Crisálida de Juan Rodríguez e Laura Sarasola, con dirección de Olga Margallo. Produción Caramuxo Teatro. Programación especial de peche de temporada.

Deja un comentario