
O local estará a disposición da persoa promotora que resulte adxudicataria da subvención para a posta en marcha dunha casa do maior na convocatoria feita pola Xunta no DOG do luns 23 de xuño
O Concello de Boqueixón autorizará a ocupación dun local na Casa da Cultura de Camporrapado para acoller unha nova Casa do Maior, toda vez que a Consellería de Política Social e Igualdade vén de publicar no Diario Oficial de Galicia (DOG) do luns 23 de xuño unha nova orde de axudas para a posta en marcha de casas do maior para os anos 2025 e 2026. O prazo para solicitalas remata o 24 de xullo.
O alcalde de Boqueixón, Ovidio Rodeiro, considera que a apertura dunha nova Casa do Maior en Camporrapado sería “unha vía axeitada para dar un servizo necesario, demandado pola veciñanza, sen custe e que permitirá incrementar a oferta xa dispoñible no municipio, que conta con outras dúas casas do maior en Vigo e Loureda. Sabemos que hai máis persoas interesadas en poñer en marcha algunha casa do maior noutras parroquias e dende o Concello queremos colaborar nunha iniciativa que fomenta a autonomía persoal dos nosos maiores”.
O local na Casa da Cultura de Camporrapado poderá ser ocupado temporalmente pola persoa que resulte adxudicataria da subvención para a posta en marcha dunha nova casa do maior en Boqueixón como consecuencia da Resolución que dite a Consellería de Política Social sobre a convocatoria realizada o pasado luns 23 de xuño. Unha persoa que deberá estar empadroada no Concello de Boqueixón.
A Xunta destinará algo máis de 1 millón de euros a esta convocatoria para os anos 2025 e 2026. O prazo de presentación de solicitudes estará aberto ata o 24 de xullo e o período mínimo de permanencia da actividade empresarial subvencionada será de 5 anos. As bases reguladoras da convocatoria poden consultarse na Orde do 6 de xuño de 2025 da Consellería de Política Social e Igualdade, publicada no DOG 118 de 23 de xuño de 2025.
Boqueixón conta na actualidade con dúas instalacións deste tipo: a Casa do Maior Lodeiro, posta en marcha na parroquia de Loureda pola emprendedora Marta Renda Guillán a principios de 2021; e a Casa do Maior de Carabán, promovida por Beatriz Mella Pazos a principios de 2024. Cada una delas dispón de 5 prazas: ben cinco persoas a tempo completo de 8 horas ou incluír xente a tempo parcial de 4 horas).
Poden acceder a estes servizos persoas de máis de 60 anos, tendo preferencia aquelas que teñan recoñecidos graos I ou II de Dependencia. O prezo é totalmente de balde, tanto do servizo como do desprazamento, financiado pola Consellería de Política Social. O xantar ten un prezo de 5 euros. O seu horario de atención é diúrno, durante 8 horas de luns a venres. Os Servizos Sociais de Boqueixón son os encargados de tramitar as solicitudes de praza na nova casa do maior (981 513 106).
Deja un comentario
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.