Tuesday 08 de July de 2025

Adxudicada a obra para a construción dun paso peonil elevado na rúa das Rodas, que facilitará o acceso á escola infantil


A voceira do goberno municipal, Míriam Louzao, deu conta hoxe en rolda de prensa dos principais asuntos tratados na Xunta de Goberno, entre os que salientou a concesión dunha licenza para a construción dun edificio de 26 vivendas ou a adxudicación da obra para a implantación dun paso peonil na rúa das Rodas.

O contrato para as obras de implantación dun paso peonil na rúa das Rodas, diante da escola infantil de San Roque, adxudicouse á empresa LOPEZ Y LEIS SA, por un importe de 65.340,00 € (IVE incluído).

Con esta actuación búscase facilitar un acceso máis seguro á escola infantil da Galiña Azul situada en San Roque, algo que, como xa lembrara en datas pasadas a edila de Educación, era “unha intervención moi demandada polas familias que acoden a este centro, que non contaban cun paso seguro a menos de 150 m, que se suma á liña de traballo en prol da accesibilidade e seguridade peonil que vén realizando a Concellaría de Obras”.

Deste xeito, xerarase un paso elevado de pavimentación continua, que prolongará o empedrado de granito da Cidade Histórica ata o outro lado da rúa, resolvendo tamén as instalacións de rede de pluviais.

Nesta mesma sesión tamén se aprobou o expediente de contratación para a subministración de caldeiros e bolsas compostables para a recollida separada domiciliaria de biorresiduos, no marco do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia (PRTR), financiado pola Unión Europea – NextGenerationEU, cun orzamento máximo autorizado de 24.200,00 € a través dun procedemento aberto simplificado.

Tamén se acordou impoñer unha penalidade á empresa EULOGIO VIÑAL OBRAS Y CONSTRUCCIONES, SA, por unha demora inxustificada de 20 días hábiles na execución do contrato para a recuperación do Campus Sur. O importe da penalidade é de 3.321,60 €.

Licenzas

Nos puntos relativos a licenzas, Louzao destacou a concesión da autorización para a construción dun edificio de 26 vivendas na rúa do Avío, 27.

Tamén se concederon outras catro licenzas: para unha nave industrial na rúa da Rioxa, 12; para a construción dunha vivenda unifamiliar no lugar de Tras Vea; para a instalación dun ascensor e a reforma do portal no edificio situado na Ponte do Sar, 5; e a modificación dunha licenza de obras de reforma e ampliación para pensión (24 prazas) con restaurante en planta baixa, na rúa Fontiñas, 82.

A Xunta de Goberno acordou, así mesmo, presentarse como parte interesada en tres recursos contenciosos formulados polas respectivas persoas titulares de tres pisos turísticos contra a cancelación da súa inscrición no Rexistro de Actividades Turísticas, na rúa de Entrepexigos, 16, na rúa de San Clemente, 8, e na rúa de San Pedro, 124. “Así, fariamos un total de 18 presentacións como parte interesada en recursos similares a este”, sinalou a tamén concelleira de Turismo.

Subvencións

Nos puntos relativos a subvencións aprobáronse nove convenios correspondentes a varias axudas nominativas:

Con Cáritas Diocesana de Santiago de Compostela, pola contía de 30.000 para o financiamento do programa Vagalume de acompañamento a mulleres en contextos de prostitución.
Coa Asociación de Loita contra as Enfermidades do Ril (Alcer Coruña), pola contía de 5.000 € para o programa Alcer 7 vidas, de sensibilización en materia de doazón de órganos.
Co Colexio da Avogacía de Santiago de Compostela, cunha dotación de 2.000 € para a quenda de profesionais da avogacía con especialización en dereito administrativo e laboral para prestar asistencia e asesoramento xurídico na vía previa administrativa e laboral.
Coa Asociación para a Promoción Social e Inserción Laboral Plataforma polo Emprego, cun importe de 21.000 euros.
Coa entidade Cursos Universitarios de Música en Compostela, cunha contía de 5.000 euros.
Co Ateneo de Santiago para a programación de actividades do ano 2025, cunha dotación de 20.000 euros.
Con Performa Sociedade Cooperativa Galega, polo Festival Plataforma, cun importe de 25.000 euros.
Coa Asociación do Conservatorio de Música Tradicional e Folque, cun importe de 20.000 euros.
Coa Asociación Cultural Cidade Vella, para o Feitoamán, cunha dotación de 20.000 euros.
Outros asuntos

A Xunta de Goberno aprobou tamén as bases da convocatoria do Premio Selic de creación literaria 2025.

Como sinalou a concelleira, “o obxectivo deste premio é aumentar a presenza de Compostela na literatura escrita”. Poden participar textos inéditos de narrativa, ensaio, poesía ou teatro e está dotado con 6.000 euros e a publicación na colección SELIC, editada polo Concello de Santiago.

O prazo para achegar os orixinais comeza ao día seguinte da publicación das bases no BOP e estará aberto ata o 10 de setembro.

Deja un comentario