
Un total de 1.050 persoas utilizaron os servizos da Caravana Morada que estivo situada na zona do Rego da Balsa entre o 20 e o 24 de xuño. O equipo profesional, integrado por unha psicóloga e unha axente de igualdade, destaca no seu balance “a elevada participación de adolescentes e a importancia do traballo en rede cos servizos sanitarios e as forzas de seguridade, especialmente en situacións de crise e vulnerabilidade detectadas durante o evento”. Así mesmo, alude á boa acollida que tivo o cubrevasos facilitado pola Asociación Vieiro, “reforzando a prevención da submisión química entre a mocidade”. Nos cinco días repartíronse 250 unidades.
As actuacións preventivas constituíron a práctica totalidade dos servizos realizados. Ata o vehículo achegáronse adolescentes na procura dun espazo seguro mentres agardaban que fosen recollelos/as, adultos/as que solicitaron información sobre recursos dispoñibles en relación coa violencia de xénero ou mozos/as que pediron apoio para facer fronte a comentarios ou actitudes homófobas. Só se produciron dúas intervencións por consumo de alcohol excesivo e utilizouse o kit de primeiros auxilios para realizar unha cura por unha ferida nunha man. A gran maioría das visitas á Caravana Morada foron para recargas de móbiles ou para solicitar produtos de hixiene feminina.
Das 1.050 persoas que se achegaron ao vehículo, 200 eran menores de idades comprendidas entre os seis e os dezasete anos: 45 nenas e 38 nenos de seis a doce, e 65 mozas e 52 mozos de trece a dezasete. As 850 persoas restantes foron persoas maiores de idade, en concreto 310 homes e 540 mulleres. Ademais dos 250 cubrevasos, entre o 20 e o 24 de xuño repartíronse 1.200 folletos informativos e 800 pulseiras de sensibilización.
A concelleira de Servizos Sociais e Igualdade, Maica Ures, destacou a boa acollida que tivo o servizo e o interese que amosou a veciñanza, achegándose en bo número a solicitar información. Así mesmo, valorou de xeito moi positivo que o groso das consultas fosen de carácter preventivo, o que amosa un alto grao de sensibilización por parte de carballeses e carballesas, e o escaso número de intervencións realizadas, reflexo da normalidade e a tranquilidade coa que transcorreron as celebracións patronais.
O servizo da Caravana Morada emprega un protocolo específico que foi considerado pola Federación Española de Municipios e Provincias (FEMP) como exemplo de boas prácticas para previr a violencia de xénero no ámbito local.
Deja un comentario
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.