Tuesday 08 de July de 2025

O Concello aproba o regulamento do novo Consello Económico e Social da Coruña


Este órgano integrará a organizacións empresariais, sindicais e representantes sociais co obxectivo de que participen na xestión e planificación da cidade

O Concello da Coruña aprobou este luns en Xunta de Goberno Local extraordinaria o regulamento orgánico do novo Consello Económico e Social da Cidade da Coruña, que establece o funcionamento básico e as persoas que formarán parte deste novo órgano consultivo e participativo no que se integrarán organizacións empresariais, sindicais e representantes sociais co obxectivo de que participen na xestión e planificación da cidade.

Ademais dunha memoria anual, o Consello Económico e Social emitirá ditames sobre aqueles grandes proxectos previstos para a cidade. “A creación do Consello Económico e Social permitirá mellorar a participación e a transparencia a través dun organismo que aportará unha  completa visión da cidade a través de todos os sectores que a integran”, sinalou a alcaldesa, Inés Rey. Tras o paso deste regulamento pola XGL, agora deberá superar unha votación favorable no Pleno municipal para ser aprobado inicialmente.
O regulamento establece a composición, funcións e funcionamento deste Consello Económico e Social, integrando a diversos sectores da sociedade coruñesa para que sexa un mecanismo que fomente a participación cidadá e que non lastre a implicación activa dos axentes económicos e sociais máis relevantes do municipio no deseño das políticas locais de desenvolvemento económico, planificación estratéxica da cidade e grandes proxectos urbanos.

O organismo estará conformado por cinco grupos diferentes. O primeiro será o da representación corporativa, presidindo o Consello Económico e Social a alcaldesa, Inés Rey, ou persoa membro da Xunga de Goberno Local en quen delegue. Tamén forman parte deste primeiro grupo unha persoa membro do Goberno minicipal con competencias en matiería de economonía e unha persoa desingada por cada un dos grupos municipais que conforman o pleno da corporación. O segundo grupo estará integrado por organizacións empresariais e contará con tres representantes á proposta da organización máis representativa das organizacións empresariais. O terceiro grupo intégrano organizacións sindicais, con tres integrantes en representacións das organizacións sindicais que obtivesen a condición de máis representativas en proporción á súa representatividade.

Por outra banda, o grupo cuarto estará formado por unha representación social a título colectivo, integrada por unha persoa representante da Universidade da Coruña, unha representante da Cámara de Comercio, unha representante da Federación de Asociacións Veciñais da Coruña e unha representante dos colexios profesionais con sede na cidade. Por último, o quinto grupo estará formado por representación social a título individual, con ata un máximo de cinco persoas da cidade de recoñecido prestixio e experiencia no ámbito económico, social e cultural nomeados polo pleno do Concello da Coruña a proposta dos grupos políticos municipais.

A proposta de regularmento aprobada hoxe será debatida no pleno ordinario deste mes de xullo, tralo trámite plenario quedarían aínda 30 días para a fase de alegacións e propostas.

Deja un comentario