
A proba, de dificultade media-alta, celebrarase en Naraío no serán do venres 8 de agosto cadrando coas festas do San Roque
Falta un mes (case) xusto para que se celebre en Naraío a segunda grande cita ciclista deste verán. E é que o venres 8 de agosto discorrerá entre o campo da festa da Veiga e o lugar de Quintiá unha nova edición da Cronoescalada San Rockeira, a contrarreloxo que coincide co inicio das festas da parroquia. Trátase dunha proba de dificultade media-alta, aínda que asequible para calquera que teña costume de andar na bici, que ofrece en escasos tres quilómetros un desnivel positivo cercano aos 500 metros, case todos concentrados no tramo final. Todo un desafío que en tan só dous anos logrou consolidarse como unha das probas máis apetecibles do calendario comarcal. Por iso este ano amplíanse as prazas a 125 e introdúcese como novidade o prezo de 5€ para custear a cronometraxe e outros gastos organizativos. As inscricións xa están abertas a través da páxina emesports.es. O último día para apuntarse será o 3 de agosto.
A cronoescalada Sanrockeira 2025 volverá estar dividida en dúas modalidades, unha para bicicletas de estrada e outra para BTT, encadradas nas categorías Absoluta -18 a 49 anos- e Máster 50 -de 50 anos en diante- tanto en masculina como en feminina.
En ambas modalidades haberá que completar un percorrido de 3,44 quilómetros de distancia que comezará no campo da festa de Naraío -ao pé da pista polideportiva- e que despois continuará polos lugares do Eirexado, Correlo, o Cerdeirido, a Cernada -polo camiño novo-, Lourido e, finalmente, o lugar de Quintiá.
A saída para a primeira persoa participante darase ás 18:00h e a partir de aí irán arrancando individualmente cada 60 segundos. O itinerario discorre sobre firme aglomerado de inicio a fin, o que non significa que sexa un reto doado. De feito, tras un comezo apto para todas as pernas, a cousa complícase a partir do segundo quilómetro cunha costa de nunca acabar que só dá un pequeno respiro no lugar de Lourido para, inmediatamente despois -o respiro non chega a 50 metros- endurecerse ata preto da meta, onde haberá oportunidade de esprintar durante 400 metros para roubarlle algúns segundos ao crono.
A inscrición na III Cronoescalada Sanrockeira ten un prezo de 5€ e deberá efectuarse antes das 14:00h do 3 de agosto a través da web emesports.es. Hai 125 prazas dispoñibles que se irán asignando por orde de solicitude. A inscrición cobre os custes do seguro e tamén os da cronometraxe, que se fará mediante chip. Ademais tamén se disporá de ambulancia medicalizada para o caso de que se produza algunha incidencia.
Levarán trofeo os tres mellores tempos masculinos e femininos na categoría Absoluta de estrada e BTT. Tamén se entregarán seis distincións en Máster 50 -masculina/feminina, en BTT e bici de estrada-. Haberá trofeo, ademais, para os mellores rexistros feminino e masculino na xeral e para as dúas persoas participantes de maior idade.
A III Cronoescalada Sanrockeira está organizada pola Concellaría de Deportes coa colaboración do Club MTB Biela e Chaveta e a comisión de festas do San Roque 2025.
Deja un comentario
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.