Tuesday 08 de July de 2025

O deporte e a solidariedade daranse a man na XXXIII Festa da Bici, a favor do Club Remo Puebla


· A cita será o domingo, 13 de xullo, e poderán participar nela veciños e veciñas de todas as idades.

O deporte e a solidariedade daranse a man na XXXIII Festa da Bici da Pobra. O Concello organiza, un ano máis, esta cita de carácter non competitivo na que os fondos recadados irán destinados ao Club Remo Puebla. Será o domingo, 13 de xullo, e estará aberta á participación de toda a veciñanza. Durante a presentación oficial desta mañá, o concelleiro de Deportes, Eloy Sobrido, animou á cidadanía a sumarse á cita coa que se busca un triplo obxectivo: “queremos promover un estilo de vida saudable por medio da práctica deportiva, ofrecer unha actividade lúdica e, ademais, contribuír co Club Remo Puebla, cuxa nave sufriu un importante incendio no mes de xaneiro”. Na presentación do evento tomou parte o presidente do Club Remo Puebla, Emilio Dieste, o técnico da área de Deportes, Rubén López Pérez, e o remeiro do club pobrense, Diego Cabezudo Pérez.

Haberá dúas modalidades de percorrido en función da idade. O primeiro, de 1,5 km, discorrerá polo núcleo urbano e está pensado para nenos e nenas de ata 8 anos ou para aqueles rapaces e rapazas con dificultades para facer un circuíto maior. Os menores de 4 anos deberán ir en cadeiras adaptadas ás bicicletas dos adultos e adultas. O segundo percorrido está dirixido a cativos e cativas de 8 anos en adiante que deberán cubrir unha distancia de 9,5 km. En ambos os casos, a liña de saída e meta será na praza Alcalde Segundo Durán. As pedaladas arrincarán ás 11.00 horas coa partida dos máis pequenos e pequenas. Á súa chegada, comezará o percorrido de maior lonxitude.

As inscricións estarán dispoñibles na praza Alcalde Segundo Durán o propio día da proba, desde as 10.15 horas. As persoas interesadas poderán doar 2 euros no bote solidario do Club Remo Puebla. Cada ciclista recibirán un dorsal que terá que conservar para un sorteo final de agasallos.

Deja un comentario