
O programa, promovido polo servizo de salvamento do Concello da Coruña, combina lecer, deporte e formación en valores para menores de 6 a 16 anos
O Concello da Coruña, a través do servizo de salvamento das praias, iniciou hoxe un programa de actividades dirixidas a nenos e nenas de entre 6 e 16 anos co obxectivo de fomentar o coñecemento do medio mariño, a seguridade acuática e o lecer saudable.
As sesións desenvolveranse nas praias de Riazor e Oza de luns a venres, en horario de mañá (11.00 a 14.00 h) e de tarde (16.00 a 19.00 h), e están deseñadas para favorecer a aprendizaxe a través do xogo, o deporte e a participación activa. O alumnado terá a oportunidade de iniciarse nas técnicas básicas de salvamento, mellorar as súas habilidades no medio acuático e aprender a relacionarse desde o respecto, a cooperación e a autonomía.
No marco das políticas de dinamización estival impulsadas polo Goberno de Inés Rey, esta iniciativa busca tamén dar visibilidade á profesión do salvamento e aos seus valores humanos, contribuíndo á conciliación familiar durante o verán e á promoción de hábitos de vida saudables entre a mocidade.
O enfoque das actividades será lúdico e adaptado ás diferentes idades, procurando que cada participante viva unha experiencia enriquecedora e segura. Deste xeito, refórzase o compromiso municipal cunha cidade máis accesible, educativa e centrada no benestar das familias coruñesas.
Deja un comentario
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.