
O alcalde, Sergio Platas, o vicepresidente e deputado, Xosé Regueira, a deputada de Mar e Medio Rural, Cristina Capelán, e a directora territorial da Consellería de Medio Rural, Nieves Mancebo Santamaría, inauguraron, esta mañá, a II Feira GastroLexítimo.
Paderne deu, esta mañá, o pistoletazo de saída á II Feira GastroLexítimo. Trátase dun evento co que o Concello busca enxalzar e pór en valor a súa tradición gastronómica e vitivinícola cun claro fío condutor: a Branco Lexítimo. A inauguración da cita correu a cargo do alcalde, Sergio Platas, do vicepresidente e deputado de Turismo, Xosé Regueira, da deputada de Mar e Medio Rural, Cristina Capelán, e a directora territorial da Consellería de Medio Rural, Nieves Mancebo Santamaría. As súas intervencións precederon ao pregón oficial por parte do presentador da TVG, Paco Lodeiro. Estes actos institucionais supuxeron o arranque dun programa completo de actividades que se desenvolverá hoxe, sábado 5 de xullo, e mañá, domingo día 6, na Esperela.
Durante a súa intervención, o rexedor subliñou que o obxectivo da festa é servir de homenaxe “ao Branco Lexítimo e tamén ao bo facer dos nosos bodegueiros, sen os que esta variedade non sería o que é hoxe en día. Queremos reivindicar o valor destes profesionais e desa uva branca que tanto fala do noso pasado, do noso presente e do noso futuro como municipio”. O primeiro edil animou a locais e tamén á veciñanza doutros municipios a sumarse ao programa de actividades da fin de semana, “que contará con alternativas para todos os gustos e idades cun claro obxectivo: que o noso Branco Lexítimo estea, tanto de xeito figurado como literalmente, en boca de todos e todas”.
O vicepresidente sinalou que “é un pracer para a Deputación apoiar un evento que combina tradición, artesanía alimentaria, paisaxe, cultura e identidade local e que converte a esta pequena aldea da Esperela nun escaparate da mellor gastronomía da provincia e do país”. Regueira explicou que “O Branco Lexítimo, con esa personalidade marcada polo solo, polo clima e polo saber facer dos nosos viticultores, é moito máis que un viño: é un símbolo do que somos, cunha historia e unha singularidade que paga a pena poñer en valor”, engadiu. Tal e como explicou, o apoio do ente provincial é parte da “promoción turística e gastronómica que desenvolvemos, e sabemos de primeira man que os viños da provincia triunfan alá onde van. Apoiar o sector vitivinícola local non é só impulsar a economía; é tamén preservar a paisaxe, a cultura e o modo de vida que nos define como provincia”.
Pola súa parte, a deputada de Mar e Medio Rural definiu a Feira GastroLexítimo como “un encontro coa nosa identidade, un espazo no que os viños, os produtos da agricultura ecolóxica e o saber facer da nosa xente se poñen en valor como o que son: cultura, economía e futuro”. Capelán explicou que as citas así “contribúen a xerar actividade económica e a reforzar o vínculo entre os produtos que consumimos e o lugar de onde veñen”.
Xornada inaugural
O programa desta primeira xornada prolongarase ata a noite, comezando coa apertura gastronómica (ás 14.00 horas) e incluíndo, entre outras, as seguintes propostas: talleres, xogos e actividades para nenos e nenas (a partir das 17.00 horas), un obradoiro de cociña a cargo de Luis Calo (17.30 horas) e outro de arte floral por parte da Floradeira (18.00 horas), animación na rúa co Mago Cayetano (18.30 horas), unha exhibición de esgrima histórica a cargo do Club de Esgrima Cepa (19.00 horas) e unha cata de Branco Lexítimo e doutras varidades con Alejandro Paadín (20.00 horas). Así mesmo, ás 20.00 horas está prevista a homenaxe ao Persoeiro de Honra (20.00 horas). A actuación musical de Luar na Lubre (21.30 horas) será o broche de ouro do sábado.
Programa de peche
A Feira GastroLexítimo continuará mañá, domingo 6 de xullo, coa saída do II Trail e Andaina Feira GastroLexítimo (ás 9.30 horas). Na proba tomarán parte preto de 350 participantes divididos en varias categorías. Ás 11.00 horas terá lugar unha experiencia gastronómica a cargo de Miguel Mosteiro e, ás 12.00 horas, darán comezo os talleres infantís e o pasacalles a cargo do grupo O castro de Figueiras. Alejandro Paadín dirixirá, ás 13.00 horas, unha nova cata a cegas por parellas.
Ás 13.30 horas está prevista a entrega de trofeos do Trail e, xa pola tarde, volverán os talleres, xogos e actividades para os cativos e cativas (a partir das 16.00 horas).
Deja un comentario
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.