Tuesday 08 de July de 2025

A Xunta impulsa a conciliación das persoas autónomas cunha liña específica dotada con 1M€ no marco da orde unificada de apoios a este concello


― Trátase dun dos cinco programas enmarcados na convocatoria única para autónomos lanzada por primeira vez este ano cun orzamento global de máis de 40M€, co obxectivo de beneficiar 8.700 traballadores e traballadoras por conta propia

― O Bono Autónomo Concilia, co prazo aberto ata o 30 de setembro de 2025, estrutúrase en tres liñas de apoio diferenciadas co obxectivo de facilitar o equilibrio entre as responsabilidades profesionais e os coidados de persoas ao cargo

― Entre outras opcións, apoia a contratación dunha persoa desempregada para cubrir a baixa de maternidade ou paternidade, coidado de menores, maiores ou dependentes, así como o financiamento de custos asociados a centros ou servizos de coidado

― A orde única para persoas autónomas ofrece tamén outras axudas que estimulan desde o inicio de actividade, como a cota cero, ata a súa consolidación e mantemento

A Xunta de Galicia lembra que, no marco da orde unificada de axudas para persoas traballadoras autónomas —dotada con máis de 40 M€— conta cunha liña específica destinada a favorecer a conciliación da vida persoal, familiar e laboral, cun orzamento total de 1 millón de euros. Esta medida concrétase a través do Bono Autónomo Concilia, que se estrutura en tres liñas de apoio diferenciadas co obxectivo de facilitar o equilibrio entre as responsabilidades profesionais e os coidados de persoas ao cargo.
A primeira das liñas, o Bono Autónomo Concilia I, está orientada a apoiar a contratación dunha persoa desempregada para cubrir o período de baixa por maternidade, paternidade ou situacións asimiladas como o risco durante o embarazo ou a lactancia. Neste caso, prevese unha axuda de ata 8.800 euros para contratos de substitución e entre 7.500 e 9.000 euros para a conversión do contrato en indefinido unha vez rematado o período de descanso. A persoa contratada deberá atoparse en situación de desemprego, e exclúense as contratacións con familiares directos ata o segundo grao.
O Bono Autónomo Concilia II está destinado a subvencionar a contratación indefinida, tamén de persoas desempregadas, por parte de autónomos e autónomas que necesiten apoio para o coidado de menores, persoas maiores ou persoas con discapacidade ou en situación de dependencia. As persoas beneficiarias deberán acreditar o vínculo de parentesco ata o segundo grao de consanguinidade ou afinidade coa persoa ao cargo, salvo nos casos de menores acollidos, nos que non será necesario acreditar a convivencia. O importe da axuda vai dos 7.500 aos 9.000 euros, segundo o colectivo destinatario, e reducirase proporcionalmente no caso de contratos a tempo parcial.
A terceira das liñas, o Bono Autónomo Concilia III, consiste no apoio aos custos asociados á contratación de centros ou servizos de coidado de menores, maiores ou persoas con discapacidade ou dependencia. Esta axuda cobre o 75% dos custos asumidos cun máximo de 3.000 euros, sempre que se acredite a contratación do servizo correspondente.
O período subvencionable abrangue desde o 1 de outubro de 2024 ata o 30 de setembro de 2025, e para acceder a calquera das tres liñas do Bono Autónomo Concilia é necesario ter o domicilio fiscal en Galicia. Con esta iniciativa, a Xunta continúa a apostar por medidas que favorezan a conciliación e melloren a calidade de vida das persoas autónomas, contribuíndo a un modelo de traballo que pon ás persoas no centro.
Orde única para persoas autónomas
Esta é unha das cinco liñas de axudas integradas na orde unificada de máis de 40 M€ para persoas autónomas, aberta ata o 30 de setembro e cofinanciada parcialmente pola Unión Europea a través do Programa FSE+ Galicia 2021-2027.

Deles, case 29 millóns destínanse ao programa de promoción do emprego autónomo, que consta de dúas liñas, unha para impulsar o inicio da actividade e o mantemento do emprego autónomo e outra coa que se garante a cota cero durante doce meses de actividade. Para o Bono Nova Oportunidade consígnanse 1,5 millóns de euros, mentres que os apoios do Bono Autónomo contan con 8 millóns.

No caso do Bono Remuda, o orzamento é de máis de 1,2 millóns e inclúe, ademais dos novidosos apoios ás persoas autónomas que traspasan o negocio por xubilación, axudas para quen asume o relevo con dúas liñas, que son o Bono remuda rural, para negocios en concellos de menos de 10.000 habitantes, e o Bono remuda xeral, para os que están en concellos de 10.000 habitantes ou máis.

Deja un comentario