
• Izaskun García, portavoz popular: “O informe confirma o que levamos anos denunciando: este alcalde goberna ás costas da lei e dos veciños”
• Os populares critican a falta de control e transparencia na xestión municipal e anuncian máis accións se se detectan indicios de ilegalidade
O Grupo Municipal do Partido Popular de Culleredo solicita que se convoque con urxencia unha Comisión Informativa Extraordinaria de Presidencia para poder analizar en profundidade o último informe emitido polo Consello de Contas e solicitar máis información sobre as graves irregularidades detectadas na contratación pública do Concello. Trátase da primeira medida #ante un informe que dá a razón ao PP no que vén denunciando desde hai tempo tras poñer de novo en evidencia a falta de control e transparencia na xestión do goberno de Rioboo.
Neste demoledor informe, o órgano fiscalizador lanza duras advertencias sobre o funcionamento do Concello de Culleredo, sinalando posibles pactos entre empresas para repartirse o mercado e numerosas “bandeiras vermellas” que cuestionan os procedementos seguidos polo executivo local, como ofertas anormalmente baixas en licitacións de obras, coincidencia de adxudicatarios con vínculos persoais e datos idénticos, adxudicacións sospechosamente próximas a procesos electorais, obras paralizadas sen penalización a pesar da súa tramitación urxente, ou certificacións que non se corresponden coa realidade dos traballos executados.
Segundo o Consello de Contas, estas prácticas irregulares non só non foron corrixidas desde 2021 por parte do goberno local, cando se lle indicou, senón que se mantiveron ou mesmo agravado, segundo os datos correspondentes a 2022. “Estamos #ante un escándalo de xestión que non pode quedar sen resposta, é un caso gravísimo que vai máis aló do descontrol administrativo”, denuncia Izaskun García, portavoz do grupo municipal popular. “O fraccionamento de contratos, a adxudicación sistemática ás mesmas empresas, a falta de fiscalización previa e o incumprimento de prazos legais demostran que Rioboo segue gobernando a dedo e con total falta de transparencia”, engade.
Un ano sen publicar os contratos menores
Neste sentido, os populares tamén chaman de novo a atención sobre outro feito especialmente grave: o Concello leva máis dun ano sen publicar os contratos menores, a pesar de que a lei obriga a facelo trimestralmente. “Esta opacidade non é casual, é deliberada, e iso lévanos a pensar que hai moito que esconder”, recalca a portavoz popular. Desde o PP incídese en que este abuso do contrato menor, xunto a unha xestión que esquiva os controis legais para, ao parecer, beneficiar sempre aos mesmos e o incumprimento reiterado das recomendacións do Consello de Contas, prexudican directamente aos veciños de Culleredo, encarecendo servizos, limitando a competencia e comprometendo a calidade dos investimentos públicos. “O informe confirma o que levamos anos denunciando: este alcalde goberna ás costas da lei e dos veciños. Perdeu toda credibilidade na súa forma de xestionar e ten que dar explicacións inmediatas”, subliña Izaskun García.
O Partido Popular de Culleredo reitera que esta é a primeira medida que se pon en marcha e que, en función da información que se obteña e da análise do informe do Consello de Contas, poderían levar a cabo outras accións se se aprecian indicios de ilegalidade. “Culleredo non é o casarío de ninguén. Merece un goberno serio, que cumpra a lei e respecte aos seus veciños”, afirma García.
Deja un comentario
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.