
O artista de música galega máis internacional fará parada na cidade dentro da súa xira Lugares Máxicos
O músico vigués Carlos Núñez ofrecerá un concerto especial no castelo de San Antón o vindeiro domingo 27 de xullo dentro da súa xira Lugares Máxicos, coa que percorre espazos emblemáticos e de gran valor patrimonial de Galicia e España. “Desde o Goberno de Inés Rey continuamos promovendo eventos culturais únicos na cidade, aproveitando os nosos espazos máis emblemáticos, como este castelo de San Antón”, indicou Gonzalo Castro, concelleiro de Cultura e Turismo.
O domingo 27 de xullo haberá dúas actuacións de Carlos Núñez no castelo de San Antón, unha ás 19.30 e outra ás 21.30 horas. As entradas para ambos concertos xa están á venda e poderanse adquirir a través do despacho de billetes da praza de Ourense e a plataforma en liña Ataquilla.
Carlos Núñez é un dos músicos galegos máis recoñecidos a nivel internacional, especialmente no ámbito da música celta. Comezou a tocar a gaita con apenas 8 anos, e xa aos 12 actuaba en festivais internacionais como o Intercéltico de Lorient, en Bretaña.
A súa carreira deu un gran paso adiante ao colaborar coa emblemática banda irlandesa The Chieftains, cos que gravou e xirou durante anos. En 1996 publicou o seu primeiro disco en solitario, ‘A Irmandade das Estrelas’, un traballo pioneiro que achegou a música celta galega a públicos de todo o mundo e acadou o disco de platino en España. Ao longo da súa traxectoria, Carlos Núñez publicou numerosos discos —como ‘Os Amores Libres’, ‘Alborada do Brasil’, ‘Inter-Celtic’ ou o recente ‘Celtic Sea’—, nos que fusiona tradición galega con influencias de Irlanda, Bretaña, Escocia, Brasil ou o flamenco.
Recoñecido como embaixador da cultura galega, recibiu distincións como a Medalla Castelao (2013) e a Medalla de Ouro de Galicia (2023). Coa súa xira Lugares Máxicos, Núñez percorrerá diferentes espazos emblemáticos como o Castelo de San Antón durante este verán. Deste xeito, o Concello volve abrir un dos seus espazos máis emblemáticos a nivel patrimonial á música ao vivo, como fai cada ano no Festival Noroeste Estrella Galicia, ofrecendo experiencias musicais únicas nun formato reducido.
Deja un comentario
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.