
A directora xeral de FP reúnese co departamento de Recursos Humanos da firma para avaliar o impulso deste procedemento enmarcado no Plan FPGal360
A Xunta e Gadisa traballan para impulsar a acreditación da experiencia laboral colectiva nesta empresa líder na distribución ao por maior e en supermercados na zona noroeste de España.
A directora xeral de FP, Eugenia Pérez, mantivo esta mañá unha reunión de traballo co departamento de Recursos Humanos para avaliar a posta en marcha do procedemento ARA, de Avaliación, recoñecemento e acreditación profesional para o persoal de todos os centros de traballo cos que conta Gadisa.
Esta acción enmárcase nun dos obxectivos do Plan FPGal 360, que é o impulso da acreditación de competencias profesionais adquiridas pola experiencia laboral así como a potenciación da relación entre os sectores produtivos e os centros de Formación Profesional.
A representante da Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e FP gabou a implicación e disposición da empresa Gadisa no eido da FP e subliñou que os procedementos de acreditación profesional contribúen á mellora do capital humano das empresas e tamén teñen efectos positivos no eido da responsabilidade social corporativa e na participación en licitacións públicas e convocatorias de axudas de I+D+i.
Deja un comentario
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.