Friday 04 de July de 2025

Naraío celebra este sábado trinta “riocastros”


Todo está listo xa na Bóla, ao pé da ponte románica da Ferraría, para unha nova edición do Festival do Río Castro organizado pola AVV O Castelo de Narahío. Escenario, toldo, colectores do lixo, iluminación, sinalización, aseos, aparcamentos, os minifundios das merendadas e, sobre todo, moitas ganas de vivir unha xornada de festa que evoca as romarías dalgún tempo e que neste 2025 virá cargada de sorpresas. E é que este sábado farase a trintena de “riocastros”, o festival nacido en 1994 que vén celebrándose desde aquela de maneira ininterrompida, a non ser os anos pandémicos 2020 e 2021. Sérralhe-Aí!!, os xogos populares e o deporte rural, Peter Punk Pallaso, Vai rañala meu!, Ailá e a Orquestra bravú Xangai compoñen un programa de marcada orientación familiar que conta con apoio do Concello de San Sadurniño e da Deputación da Coruña.

O Castelo de Narahío deseña carteis especiais cadrando coas edicións con número máis ou menos redondo, como foi o caso dos festivais 20, 25 e agora con este, que fai o 30º. Van aló un monte de anos desde aquel primeiro evento que tivo lugar no campo da festa da Veiga o 15 de agosto de 1994 -véspera do San Roque-, organizado pola asociación veciñal e a asociación de nais e pais da escola unitaria do Cerdeirido.

O primeiro programa encheuse cos xogos animados polo colectivo Inxerto e cunha obra de monicreques de luva traída pola compañía Trécola. Pola noite abriron a parte musical a agrupación folclórica Berce -encabezada polo desaparecido Santiago Caneiro-, Eiravedra e uns Cempés que xa andaban preparando o seu primeiro disco e que estaban integrados naquel momento polos gaiteiros Carlos Zaera (falecido sete meses despois) e Antón Varela (tamén desaparecido prematuramente), Óscar Fernández ao acordeón, os irmáns Pablo e Serxio Cés ao bombo e a pandeireta/clarinete, respectivamente, e Beto Niebla co tamboril.

O que viría despois, nos anos seguintes até este 2025, é historia viva do tradi, do folc e doutras músicas feitas na comarca e en Galicia. E para mostra, no posto da organización poderá verse a colección dos 30 carteis, obra de Reizentolo, de Carlos García, de Leandro Lamas, de Gelo Paz e do deseñador de cabeceira desde hai uns anos: Juanlu Fernández (Juanlu Nacha).

Neses deseños, reunidos por primeira vez, detállanse todos os programas dunha cita pola que pasaron cerca de 150 formacións musicais e de animación infantil, moitas xa de referencia mentres que para outras o Festival do Río Castro supuxo a súa primeira actuación en escenario.

Silvardeira, Brendefol, Pepe Baamonde, Saraibas, Chiculate, Os Cuchufellos, Os Carunchos, Mondopétriz,, Baila na Criba, Carlos Lorenzo, Raparigos, Papaqueixos, Os Tres Trebóns, A Quenlla, Mini e Mero, Cachimonia, Chiculate, Amacuca, Banda Potemkin, Berros do Castro, Cé Orquestra Pantasma, Peter Punk, Ultraqans, Xabier Díaz e as Adufeiras de salitre, Os Feroces da Galgueira, Os Melidaos, A Requinta da Laxeira, as escolas municipais, Os D’abaixo… e tantos outros que tamén nalgúns casos repiten cada certo tempo para presentar traballos.

Algúns incluso repiten dun ano para outro, como o ocorreu naquel 2014 en que o Castro case se bota fóra por causa da chuvia e a organización decidiu repetir ao ano seguinte o mesmo cartel: a gaiteira, zanfonista e pianista María López -con raíces na Fontela-, Taghaitai Manila, O Sonoro Maxín e Vai rañala meu!, que sumará este sábado a súa cuarta vez na Bóla cunha proposta que busca reflectir a música e as emocións dun festival que para moitas e moitos é “o mellor do mundo mundial”.

O Festival do Río Castro comezará xa o mediodía cunha sesión vermú animada por Sérralhe aí! que será un dos pratos fortes desta 30ª edición. Os acordeonistas Roberto Grandal -tamén da casa- e Manolo Maseda, xunto con Pablo Ces, Lola de Ribeira e Iván Costa, a quen se unirán como convidados Xoán Padín e o polifacético Leandro Lamas.

Tralo xantar haberá estrados polo campo unha chea de xogos e enredos para rapazada, que lle cederán o espazo sobre as 17:30 ou 18:00h ao pallaso Peter Punk, outro dos que máis veces ten vido actuar a Naraío. Tan pronto como remate comezará outro dos momentos agardados do festival: o campionato de chave, serrado con tronzador e tiro á corda que desde hai uns anos é por equipos sempre mixto, como exemplo de compromiso coa igualdade por parte da asociación veciñal, que tamén foi unha das primeiras da comarca en incluír un Punto Violeta dentro do plan de prevención de riscos dun evento deste tipo.

Pola noite, trala cea, actuarán os Vai rañala meu!, o grupo compostelán Ailá -premio Martín Códax da Música en 2023- e, pechando, a Orquestra bravú Xangai, con nomes que tamén foron e son habituais do Río Castro en distintas formacións (Xurxo Souto, Antón “Papaqueixos”, Xan Xove, Richi Casás, etc).

En resume, ao Festival do Río Castro sempre hai que ir, e este ano, o dos trinta “riocastros”, con máis razón aínda.

O evento ten un orzamento este ano que se aproxima aos 18.000 euros. O Concello de San Sadurniño contribúe á súa organización cun convenio nominativo por valor de 6.500 euros, ademais de colaborar na loxística con valados, colectores e a recollida do lixo. O Castelo de Narahío tamén solicitou a colaboración da Deputación da Coruña, por medio da convocatoria da área de Cultura para festivais audiovisuais e musicais. Neste sentido, O 30º Festival do Río Castro tamén colabora con outros eventos, concretamente co Festival Irmandiño do mes de agosto e co Chanfaina Lab da primeira fin de semana de setembro.

Deja un comentario