
As inmediacións da praia de Coroso acollerán este sábado un festival que mesturará actividades culturais e música ao aire libre.
Ribeira encherase este sábado de reivindicación e música ao aire libre para celebrar a súa primeira Romaría do Orghullo LGBTIQ+. As inmediacións da praia de Coroso serán escenario dunha tarde na que concienciación social e cultura irán da man co obxectivo de visibilizar a situación actual do colectivo LGBT+ na comarca. O festival, promovido pola asociación As Malas Herbas en colaboración con Ribeira Crea e Altofalante, comezará ás 19:00 horas coa presentación do libro Vidas e historias LGBT na Idade Media, do autor ribeirense Carlos Callón.
A continuación, a actividade proseguirá coa proxección de Plumass, unha curtametraxe da artista audiovisual e poeta Bea Saiáns á que se sumará unha pequena ponencia sobre a creación de contidos en prol da diversidade ofrecida pola presidenta da asociación Ribeira Crea, Alba Pego.
O momento máis reinvindicativo da xornada chegará coa lectura dun manifesto co que, segundo a presidenta das Malas Herbas, Ana Pérez “se exporá a situación real dun colectivo que ve día tras día como se seguen vulnerando os seus dereitos”. Ademais, Iria Casais, secretaria da organización, defende este acto como un espazo seguro, de colaboración e construción entre persoas do colectivo e as asociacións locais que acompañarán a xornada con varios postos para amosar apoio á causa. Con este acto, asegura a xoven ribeirense “demostraremos que nun plano internacional copado por figuras reaccionarias como Donald Trump ou Viktor Orban, a acción social en pequenas vilas como a nosa representa unha alternativa real contra a violencia”.
Tras a lectura do manifesto, a encargada de poñer un broche de ouro musical á xornada será a DJ Lakenobaila, da que os asistentes poderán desfrutar até as 23:30 horas. Igualmente, durante o transcurso da tarde celebraranse varios sorteos de lotes de produtos e libros para a recadación de fondos da asociación.
Deja un comentario
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.