
• O teatro do Cine Elma acolleu, hoxe, a entrega do Recoñecemento ao Mérito Empresarial.
• Na súa intervención, o alcalde, José Carlos Vidal, cualificou o labor e a traxectoria do empresario como “esenciais para o crecemento do noso polígono e do municipio, en particular, e do Barbanza, en xeral”.
O responsable de facer da Pobra unha referencia no sector conserveiro e unha das persoas que están detrás do crecemento da comarca do Barbanza. Estas foron, unicamente, algunhas das razóns que se esgrimiron, esta tarde, para concederlle a Severino Escurís Batalla o Recoñecemento ao Mérito Empresarial. O distintivo, outorgado polo Concello e a Asociación de Empresarios da Pobra en colaboración tamén coa Deputación da Coruña, buscou enxalzar o papel e a carreira de Escurís, que dedicou toda a súa vida ao mundo das conservas.
No acto interviñeron e outorgaron a estatua e a placa conmemorativa o alcalde, José Carlos Vidal Suárez, e o presidente da Asociación de Empresarios da Pobra, José Antonio Vidal Fabri. A concelleira de Obras, Cultura, Memoria Histórica, Sanidade e Relaciones Institucionais, Patricia Lojo, actuou como mestra de cerimonias, dando paso aos distintos representantes institucionais que quixeron pór en valor a traxectoria de Escurís Batalla ao longo dos anos. Asistiron a subdelegada do Goberno na Coruña, María Rivas, a deputada provincial da área de Emprego, Rosa Ana García, o director xeral de Pesca, Acuicultura e Innovación da Xunta de Galicia, Cándido Rial, o presidente da Confederación de Empresarios de Galicia, Juan Manuel Vieites, o vicepresidente da Confederación de Empresarios de A Coruña, José Villarnovo, e a secretaria xeral da Cámara de Comercio de Santiago, Rosa María Cardeso.
Durante a súa intervención, o rexedor agradeceu o labor realizado por Escurís Batalla, que cualificou como “esencial para o crecemento do noso polígono e da Pobra, en particular, e do Barbanza, en xeral”. O primeiro edil fixo un repaso polos fitos acadados polo homenaxeado e pola súa familia. Así, Vidal Suárez lembrou que Escurís Batalla comezou o seu percorrido profesional aos 14 anos na empresa familiar Escurís S.L. O alcalde referiuse tamén á fundación Actemsa (Actividades Empresariales S.A.), que Escurís erixiu xunto aos seus fillos.
José Carlos Vidal incidiu en que todo isto “explica e xustifica que a comarca do Barbanza-Arousa sexa o distrito conserveiro-atuneiro máis importante de Europa, no que nunha franxa de apenas 20 km se concentran as fábricas e as firmas frigoríficas de maiores vendas”. O rexedor reafirmou que este acto é, non só unha homenaxe para Escurís Batalla, senón tamén para toda a familia, cuxo apelido vai “ligado á historia conserveira e económica de Galicia e tamén á da Pobra”. Na mesma liña, a concelleira Patricia Lojo subliñou que o de hoxe “buscou ser unha sentida homenaxe a unha figura clave que fala do noso presente e do noso futuro como concello da comarca, un recoñecemento co que devolverlle a Severino Escurís Batalla unha pequena parte de todo o que el nos deu ao longo destes anos”.
O acto contou con amenización musical a cargo da Escola de Música da Pobra, que interpretou varias pezas ao longo da cita.
Deja un comentario
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.