
Este xoves celebrouse a Mesa de Contratación para a apertura das ofertas recibidas no proceso de venda forzosa mediante poxa pública do lote 4, correspondente co inmoble en ruínas da rúa Espíritu Santo 33 incluído no Rexistro de Soares. As seis ofertas presentadas foron admitidas e a máis alta superou en 60.000 euros o prezo de saída.
Concretamente, o prezo de saída deste inmoble era de 69.639,18 euros e a oferta máis alta recibida ascendeu a 130.639,18 euros. Esta oferta procede dunha persoa física. O montante polo que se valorou o inmoble para a súa venda forzosa ingresarase á propiedade do inmoble e a parte restante dedicarase a políticas de vivenda desenvolvidas polo Concello.
Tras este paso, a persoa que presentou a oferta máis alta deberá cumplimentar a documentación requirida para a súa comprobación, paso previo á adxudicación do inmoble, competencia da Xunta de Goberno Local.
Tal e como explicou o concelleiro de Urbanismo, Vivenda e Cidade Histórica, Iago Lestegás, é a primeira vez que se levou a cabo este proceso no Concello de Santiago. “Aínda que o procedemento sexa longo e difícil, o Rexistro de Soares é unha ferramenta útil para mobilizar o patrimonio inmobiliario desaproveitado e para ampliar a oferta de vivenda no centro da cidade aproveitando mellor o que xa temos”, destacou Iago Lestegás.
Deja un comentario
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.