
O Concello de Lousame celebrou nestes últimos días as festas de fin de curso dos seus Obradoiros da Memoria, unha actividade gratuíta na que participan medio cento de veciños e veciñas maiores de 60 anos. Unhas festas que están tendo lugar nos respectivos locais sociais onde se imparte esta inicativa: Sanguiñal, Aldeagrande, Cruído, Vilacoba e Escabia.
A alcaldesa de Lousame, Teresa Villaverde, anima aos maiores do municipio a sumarse a esta iniciativa xa que “o seu obxectivo é mellorar a súa calidade de vida a través de actividades coas que exercitan a súa mente, axudando a previr o deterioro cognitivo, e que tamén promoven a súa socialización, pois teñen un tempo para xuntarse coa veciñanza e recordar xuntos o que xa saben e seguir aprendendo cousas novas”.
Os Obradoiros de Memoria son unha iniciativa organizada polo Concello de Lousame en colaboración da Consellería de Política Social e Igualdade. Están abertos a todos os veciños e veciñas de Lousame maiores de 60 anos. A inscrición é totalmente de balde e pode facerse en calquera momento do ano nos Servizos Sociais de Lousame, chamando ao 981 820 494 ou por WhatsApp no 689 126 385.
Deja un comentario
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.