Thursday 03 de July de 2025

Lara Meneses agradece a colaboración das empresas no “Xuventude Mentoring” para favorecer a inserción laboral da mocidade


— A directora xeral de Xuventude visita a empresa Siemens Gamesa no municipio de Oroso, cunha vintena de mozos que participan no programa

— Esta iniciativa da Xunta ten por obxectivo mellorar as habilidades e competencias dos participantes para a busca de emprego

A directora xeral de Xuventude, Lara Meneses, mantivo hoxe unha xuntanza cunha vintena de mozos e mozas que forman parte do programa Xuventude Mentoring nunha visita á empresa Siemens Gamesa de Oroso. Trátase dunha iniciativa integral de formación e mentoring da Xunta de Galicia que busca facer de nexo de unión entre o mundo académico e o mundo laboral da mocidade e na que, tal e como resaltou Lara Meneses, é “fundamental contar coa implicación de entidades e mentores como esta empresa” para ofrecer actividades e visitas formativas á xuventude.

No marco desta visita, a representante da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude lembrou que o obxectivo desta proposta, que xa vai pola súa séptima edición, é mellorar as habilidades e competencias dos mozos galegos para a busca de emprego, con accións formativas, actividades de networking e con persoas mentoras procedentes do empresariado galego que ofrecen asesoramento e apoio.

Nesta liña, lembrou que este programa do Goberno galego está en marcha ao abeiro dun convenio de colaboración co Consorcio para o Desenvolvemento de Aplicacións para a Xestión Universitaria —axente integrador das tres universidades públicas galegas— e conta cun investimento por parte da Xunta de case un millón de euros para o período 2024-2025. Ademais, o proxecto está cofinanciado nun 60% pola Unión Europea no marco do Programa FSE+ Galicia 2021-2027.

Desde que botou a andar, no ano 2021, máis de mil mozos e mozas levan participado nesta iniciativa que lles posibilita traballar con mentores que lles asesoran de xeito continuo, á vez que poden realizar actividade formativas, asistir a eventos e visitar empresas. Nesta séptima edición, aínda en execución, incribíronse un total de 207 persoas, das cales un 10% xa forma parte do mercado laboral. Nas seis edicións anteriores, unha media dun 50,3% da mocidade participante acadou a inserción laboral grazas a este programa da Xunta de Galicia.

Deja un comentario