
As obras, que acaban de comezar, suporán a renovación do firme e da sinalización horizontal e vertical.
O reforzo da seguridade viaria segue a ser unha prioridade para o goberno local de Ponteceso. Así, o Concello iniciou, recentemente, as obras para incrementar as condicións de seguridade viaria no lugar de Ameixenda. O alcalde, José Manuel Mato, sinala que o obxectivo destes traballos é garantir “que as vías e estradas de titularidade municipal estean no mellor estado posible” e apunta, ademais, a importancia de acondicionar este camiño “que dá acceso á AC-419, unha estrada que rexistra unha grande afluencia de tráfico”.
Na actualidade, o firme atópase en mal estado de conservación debido ao transcurso do tempo e ao paso de tráfico pesado pola zona. Para solucionar esta problemática, o Concello reparará o firme existente coa incorporación de novas capas máis axeitadas para a tipoloxía de vehículos que discorren polo lugar. As actuacións completaranse, ademais, coa renovación da sinalización horizontal e vertical.
Este proxecto está encadrado dentro dun convenio de colaboración asinado entre o rexedor de Ponteceso e a directora xeral da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural, Paz Rodríguez.
Deja un comentario
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.