
A alcaldesa, Sandra Permuy, e a concelleira de orbas, Mª Carmen Martínez, supervisaron os primeiros traballos desta obra na que se invisten 149.200 euros
Tamén quedou rematada a mellora do camiño de Cadavás á pista de Magalofes
A alcaldesa de Fene, Sandra Permuy, e a concelleira de obras, Mª Carmen Martínez, desprazáronse esta mañá á estrada AC-133, en Barallobre, para supervisar o avance das obras de construción da nova senda peonil. Trátase dunha actuación de gran importancia para mellorar a seguridade viaria neste tramo, que até o de agora contaba cunha simple beiravía e unha gabia de formigón aberta, que dificultaba o paso e supuña un risco para o tránsito a pé.
A intervención, que conecta os tramos de beirarrúas xa existentes en Fene e Maniños, consiste na creación dunha senda peonil de 580 metros de lonxitude, executada en formigón de 15 centímetros de espesor. A actuación complétase coa instalación dunha drenaxe soterrada, que substitúe á gabia aberta, mediante tubaxe enterrada conectada a sumidoiros e pozos, así como coa execución da canalización soterrada para o alumeado público.
Durante a visita, a alcaldesa, Sandra Permuy, subliñou que “esta é unha actuación moi demandada pola veciñanza, que dá resposta a unha necesidade evidente de mellorar a seguridade peonil nunha zona con moito tránsito. Cando finalicen as obras, teremos unha senda cómoda, segura e plenamente integrada no espazo urbano de Barallobre”.
Pola súa parte, a concelleira de obras, Mª Carmen Martínez, destacou o aspecto técnico do proxecto: “Non só estamos creando unha senda peonil, senón que tamén resolvemos un problema histórico coa drenaxe da estrada, eliminando a gabia aberta e executando unha rede de recollida de augas máis eficiente, ademais de deixar preparada a canalización do alumeado”.
A obra foi adxudicada por un importe de 149.200 euros, con financiamento a cargo do programa POS+Adicional 2/2022 – 2ª Fase da Deputación da Coruña, e conta cun prazo máximo de execución de 13 semanas.
Mellora do camiño de Cadavás
Por outra banda, a semana pasada quedou recepcionada a obra de mellora do camiño municipal que conecta Os Cadavás coa pista polideportiva de Magalofes, unha actuación financiada con cargo ao POS+2024 da Deputación da Coruña.
Os traballos consistiron na repavimentación integral do firme, que se atopaba deteriorado polo paso do tempo. A intervención incluíu tamén a limpeza das marxes e o pintado da sinalización horizontal, cun investimento de 35.801 euros.
“Seguimos avanzando no noso compromiso coa mellora continua das infraestruturas municipais”, destacou a alcaldesa, quen lembrou que tanto estas como outras actuacións en marcha “son claves para garantir a seguridade, a accesibilidade e o benestar da veciñanza nas distintas parroquias de Fene”.
Deja un comentario
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.