Thursday 03 de July de 2025

A Xunta de Galicia acepta a solicitude do goberno municipal para establecer paradas de autobús no polígono industrial


O alcalde, Evencio Ferrero, e o concelleiro de Planificación, Juan Seoane, mantiveron hoxe unha xuntanza con representantes do Polígono de Carballo para trasladarlles a información relativa á comisión de seguimento do Plan de Transporte Metropolitano, celebrada o martes en Santiago de Compostela, na que se abordaron as peticións presentadas polos 17 concellos da área metropolitana da Coruña.

Desde Carballo presentáronse dúas solicitudes fundamentais: por unha banda, a creación de paradas no parque empresarial para facilitar o uso do transporte público por parte dos/as centos de persoas que traballan nel, e, por outra, o aumento das conexións coas praias. Con respecto a esta última, por parte da Xunta non está prevista ningunha mellor para este verán. Pero si houbo avances en relación coas comunicacións coa área industrial, que se concretarán en breve coa incorporación de dúas paradas en sete servizos de ida e volta que conectan Carballo e A Coruña.

Os representantes do empresariado cualificaron a posta en marcha deste servizo como “unha moi boa nova”, á espera de que se establezan por parte da Dirección Xeral de Mobilidade da Xunta de Galicia os horarios deses servizos, que deberían axustarse ás necesidades da actividade laboral no polígono.

Evencio Ferrero e Juan Seoane aproveitaron o encontro para abordar outras cuestións relativas ao polígono, como a nova licitación da báscula, a ordenación do tráfico pesado ou as necesidades de solo industrial.

Deja un comentario