Thursday 03 de July de 2025

50 rapaces participan na primeira quenda do campamento de verán


Realizan desde o luns e ata o venres actividades en Caión e saídas ao parque acuático de Cerceda e ao centro de turismo ecuestre de Erboedo.

A vila de Caión acolle a primeira quenda dos campamentos que cada verán organiza o Concello. Nesta semana, desde o pasado luns e ata o venres, está a participar medio centenar de rapaces de idades comprendidas entre os 10 e os 12 anos, que hoxe recibiron a visita do alcalde, José Manuel López Varela, e da concelleira de Cultura, Deportes e Ensino, Patricia Bello.

Cada día o autobús cos rapaces e os monitores sae da Praza do Concello ás 10:00 h e regresa 18:00 h. A parada para o xantar é ás 14:00. Durante toda a semana os participantes realizan en Caión moi diversas actividades lúdicas, recreativas, educativas, culturais e deportivas, incluíndo xogos na praia, obradoiro de personalización de camisetas e de maxia, kaiak e pádel surf e a festa con inchables, tobogán de auga e animación musical coa que finalizará o campamento. A programación tamén inclúe saídas ao parque acuático de Cerceda e ao centro de turismo ecuestre O Ventoso de Erboedo.

Todos os anos o Concello aposta por organizar estes campamentos no marco do programa cultural e deportivo de verán aproveitando as instalacións municipais existentes en Caión e as características da vila, que permiten organizar un amplo abano de actividades nesta época do ano.

A próxima semana realizarase a segunda quenda dos campamentos, tamén de luns a venres, no mesmo horario e cun programa de actividades similar. Neste caso os 50 participantes terán entre 7 e 9 anos de idade.

Deja un comentario