
· O veciño está realizando estes labores xunto ao seu sobriño, Rafael Pérez.
Aos seus case 97 anos, Manuel Martínez Rodiño aínda pode presumir de contar cunha vista e un pulso que lle permiten facer o que máis lle gusta: maquetas. Agora mesmo, o pobrense atópase inmerso en dous proxectos en paralelo. Por unha banda, nos labores de restauración, mantemento e arranxo da Torre de Bermúdez e, pola outra, na construción do buque Cabo San Agustín a petición da súa propia familia. A concelleira de Cultura, Patricia Lojo, destaca o “incrible traballo de Manuel e a súa estreita colaboración co Concello, ao que xa doou numerosas pezas da súa autoría”. A edil avanza que, proximamente, “se organizará una nova exposición coa que buscaremos por en valor e dar a coñecer a súa obra”.
Martínez Rodiño está realizando ambas obras xunto ao seu sobriño, Rafael Pérez, que describe ao seu tío “como alguén que nunca para, sempre ten algo en mente”. Así, tal e como explica Pérez, Manuel leva desde os 17 anos confeccionando este tipo de pezas e lembra que, ademais dos encargos actuais, o seu tío concluíu e entregou en maio de 2025 unha réplica do vapor de pasaxe que desde o 1917 e durante moitos anos uniu ambas as beiras da ría, de Vilagarcía ata A Pobra.
Agora, segundo os cálculos de Pérez, os labores de restauración da Torre de Bermúdez suporán, aproximadamente, uns sete días. Trátase, como explica Pérez, dunhas tarefas minuciosas e que requiren “de moito coidado e detalle”.
En canto á reconstrución do buque, o tempo amplíase. Así, prevese que estes labores se prolonguen durante os vindeiros oito ou nove meses. Nese caso, Manuel Martínez está facendo realidade este proxecto “a petición miña e dos meus irmáns, xa que nesta embarcación estivo preso o noso avó”. O Cabo San Agustín foi unha embarcación construída polos estaleiros de Bilbao en 1931 e foi incautado pola mariña mercante rusa durante a segunda guerra mundial.
Deja un comentario
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.