Thursday 03 de July de 2025

A Coruña será punto de partida da regata Rías Altas, a máis dura do norte de Galicia


Este xoves arrinca esta proba, que percorrerá máis de 100 millas entre a cidade, Laxe, Muxía e Malpica

A edición número 52 da regata de cruceiros Rías Altas comeza este xoves 3 coa etapa A Coruña-Laxe de 35 millas. Esta proba foi presentada no Náutico coruñés, organizador da competición, polo concelleiro de Deportes, Manuel Vázquez, o Comodoro do club, Jaime Araújo, e o director deportivo do club, Jano Toro.

“Desde o Goberno de Inés Rey apoiamos e colaboramos coas grandes competicións náuticas que se celebran na nosa cidade, que é referente absoluto en diferentes disciplinas”, indicou Vázquez. Esta regata é a máis longa e dura do Atlántico e conta coa colaboración do Concello da Coruña.

A segunda etapa será o venres dia 4 entre Laxe e Muxía, de 16 millas. O sábado 5 a etapa de 30 millas será entre Muxía e Malpica. A cuarta e última etapa será o domingo 6 entre Malpica e o porto coruñés, dunhas 21 millas de percorrido.

Manuel Vázquez destacou que A Coruña é unha cidade intimamente ligada ao mar e subliñou o apoio do goberno de Inés Rey a todo este tipo de iniciativas como é esta clásica regata. Felicitou ao Real Club Náutico polo traballo que está a facer para a promoción e fomento das actividades náuticas e lembrou que esta semana empezou o programa Coruña non Mar no que se ofrecen máis de 500 prazas en vela lixeira, windsurf, surf ou piragüismo.

A pasada edición

Na pasada edición de 2024 planificouse o mesmo itinerario que este ano –segundo explicou Jaime Araújo— polo éxito de participación e a resposta dos concellos de Malpica, Laxe e Muxía.

Na clase ORC 0-3 o vencedor foi o “Gómez Mostly” de Andrés Soto do club organizador; segundo, “Lambaix” de Antonio Rios (Náutico de Cabanas); terceiro “Jabadaa” de Roberto Bermúdez de Castro (Real Club Náutico). Na clase ORC 4-5 o triunfo foi para o “Fígaro 55” de Jesús Pintos; segundo “Golfiño” de José Naya (Náutico Ría de Ares); e terceiro “Impresión 3D Atlántico” de Guillermo Blanco.

Deja un comentario