
Hoxe na Lonxa vella de Ribeira entregouse de maneira formal unha dorna doada á Cofradía da Dorna por Andrés “O Chopo” e restaurada pola Unidade de Condutas Aditivas (UCA) do Concello de Ribeira.
Ao acto que acudiron, o alcalde, Luís Pérez, o concelleiro de Sanidade, Juan Luis Furones, o concelleiro de Mar, Fernando Abraldes, Anxo García, o coordinador da Escola de Vela Tradicional da Cofradía da Dorna, Manuel Casais, o coordinador de actividades da U.C.A., Andrés “O Chopo”, dóante da Dorna, directivos da Cofradía da Dorna máis os verdadeiros artífices da restauración; o alumnado da UCA.
Anxo García agradeceu ao Concello, a Manolo e ao equipo de alumnos do obradoiro de madeira da UCA o seu traballo. “Grazas por axudarnos a cumprir un dos obxectivos da Confraría da Dorna que é, manter o noso patrimonio marítimo que suma coa restauración desta dorna chamada “Chopa ”e que estaba en moi mal estado. Deixárona impecábel”.
O responsable do obradoiro de madeira, Manuel Casais, agradeceu que o Concello “pensara en nós, a verdade é que estamos moi contentos co labor que estamos facendo”. Casais comentou que foi un traballo moi duro porque a dorna estaba moi deteriorada pero conseguiron deixala en moi bo estado.
Rematou cunha gabanza ao alumnado do obradoiro pola súa implicación e dedicación: “que eles sintan que se están recuperando e apoiando co seu traballo á comunidade”.
O concelleiro de Sanidade e responsable da UCA, Luis Furones, manifestou que isto “é unha mostra máis do bo facer do alumnos do obradoiro da UCA”.
Furones afirmou que moitas veces o seu labor “queda no escurantismo ou pode pensarse que só é un servizo onde se dispensa medicación”. O concelleiro falou de aproveitar estas oportunidades para dar a coñecer o traballo que se está desenvolvendo dende este obradoiro ao cal lle reiterou os parabéns.
Pola súa banda, o alcalde, Luís Pérez Barral, puxo en valor o duro traballo de varios meses que o alumnado fixo para “recuperar un elemento que forma parte do patrimonio marítimo de Ribeira. Segundo Pérez Barral, grazas a esta restauración preservamos unha embarcación tradicional que poderán desfrutar as xeracións presentes e futuras.
O alcalde, Luís Pérez Barral, tamén salientou que actuacións coma esta “encaixan de cheo na liña de acción do goberno local, que busca poñer en valor a historia, a cultura e, moi especialmente, o patrimonio marítimo do noso concello, porque entendemos que é un sinal de identidade que temos a obriga de protexer e difundir”. Tamén tivo palabras de agradecemento para a Confraría da Dorna “porque non só organiza a festa que nunha semanas estaremos desfrutando, senón que desenvolven un traballo fundamental na conservación e divulgación do patrimonio marítimo, nomeadamente todo o relacionado coa dorna”.
Pérez Barral engadiu que xunto a esta dorna e outras da Confraría “imos a poder gozar nuns poucos días, dese XVII Encontro de Embarcacións Tradicionais de Galicia que acollerá Ribeira entre o 17 e o 20 de xullo”.
Rematou facendo unha alegación a favor da dorna: “este tipo de embarcacións déronlle de comer a moitas familias durante moitos anos e agora queremos que siga sendo unha referencia viva do noso Concello”.
Deja un comentario
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.