
Será 100 % eléctrico e o orzamento máximo ascende a 82.000 euros.
O Concello vén de sacar a licitación o procedemento para a adquisición dun vehículo tipo pick-up 100 % eléctrico e dotado cunha caixa fixa, guindastre autocargante e módulo específico que lle permitirá funcionar como punto limpo móbil.
As empresas interesadas en concorrer ao procedemento poden presentar as súas ofertas ata o 15 de xullo. A documentación está dispoñible para a súa consulta na Plataforma de Contratación del Sector Público.
Este novo vehículo poderase desprazar ás trece parroquias co obxectivo de complementar os servizos que se ofrecen no punto limpo e achegalos de xeito itinerante a todos os núcleos de poboación do termo municipal, o que implicará unha significativa mellora e modernización na xestión dos residuos e, por tanto, maior eficiencia e eficacia no aspecto medioambiental.
O importe máximo de licitación ascende a 82.000 euros, que serán cofinanciados pola Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático ao abeiro do programa de axudas para actuacións en materia de residuos de competencia municipal, cofinanciadas con fondos da Unión Europea-Next Generation.
Con esta iniciativa o Concello reafirma o seu compromiso coa sustentabilidade e a transición ecolóxica mediante a mellora dos servizos que se ofrecen aos cidadáns. Á recente ampliación das instalacións do punto limpo do Formigueiro, súmase agora a adquisición deste vehículo que funcionará como punto limpo móbil.
Deja un comentario
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.