
O pleno ordinario do mes de xuño comezou cun minuto de silencio polo pasamento de dous concelleiros, Santiago Méndez e Juan José Martínez.
No transcurso do pleno aprobouse por unanimidade; a moción de urxencia presentada pola Plataforma en Defensa da Sanidade Pública da Barbanza reclamando a dotación de profesionais médicos. Tamén se aprobou a prórroga de dous anos á empresa concesionaria do servizo de abastecemento de auga do Concello, unha proposta sobre melloras para Deán Grande entre outros asuntos.
Aprobación da prórroga por dous anos do contrato de xestión do abastecemento de auga potable do Concello de Ribeira.
O 30 de xullo do ano 2010 formalizábase coa empresa Viaqua este contrato de adxudicación por 15 anos de período de vixencia que remataría o vindeiro 30 de xullo de 2025.
O rexedor, Luís Pérez, argumentou antes de dar a palabra aos diferentes grupos, que se trata dunha prórroga técnica motivada porque “dende os servizos de contratación e persoal transmiten que non hai posibilidade de que un contrato de estas características poida chegar a tempo ao ser necesarios varios meses de traballo para que poida saír a licitación”.
O alcalde explicou que un contrato de concesión dun servizo tan importante como é a xestión e abastecemento da auga implica unha serie de trámites previos que precisan varios meses de traballo “para preparalo correctamente e non sexa impugnado e así presentar un contrato blindado cunhas características especiais que permita prestar un mellor servizo para todos os veciños e veciñas de Ribeira”.
A prórroga está avalada tanto polos servizos de intervención coma o departamento técnico do Concello e cumpre coa propia lei de contratos do sector público; devandita lei establece unha prórroga máxima de 25 anos.
Paralelamente o concello está traballando nunha auditoría de todo o sistema de abastecemento auga potable e da rede de saneamento; “é unha auditoría previa para saber como está a infraestrutura do concello antes de decidir entre todos o tipo de modelo de xestión para os futuros anos”.
O segundo tenente de alcalde, Francisco Suárez-Puerta, avogou pola municipalización do servizo, “unha medida ben coñecida por parte do seu grupo”; anunciou a súa abstención argumentando que en dous anos coincide co final de lexislatura.
A concelleira de Facenda, Herminia Pouso, falou das peculiaridades da adxudicación; “un contrato que con levaba unha serie de investimentos conforme a un canon establecido, fixado en 7 millóns de euros, cun escenario que simulaba que nos 15 anos ía a estar amortizado; simulación que tiña como base unhas previsións de incrementos no consumo de auga. As previsións de amortización vinculadas a incrementos, despois dos 15 anos, non se chegaron a cumprir; co cal estamos a día de hoxe cun canon pendente de máis de 3 millóns de euros”. Segundo o argumentado, Pouso concluíu que independentemente do que reflictan as auditorías, sabemos que imos a arrancar, no momento que teñamos que tomar unha decisión, “cunha cantidade que está no debe restándonos posibilidades”. Estamos na liña que hai que avaliar o ciclo integral da auga “para que nos dé base e soporte para a toma decisións futuras”.
A concelleira de Educación, Cruz Rivadulla, comentou que a decisión de autorizar esta prórroga por dous anos, “baséase nunha cuestión puramente técnica pero tamén de responsabilidade na xestión municipal”, a edil puntalizou que “se non aprobamos esta prórroga agora correríamos o risco de quedar sen contrato en vigor antes de que podera estar listo un novo proceso de licitación co consecuente prexuízo para un servizo esencial como é a auga e o saneamento”. Rivadulla puxo en valor a auditoría que se está levando a cabo por parte do concello, e deixou claro que a aprobación deste contrato non solapa o debate do modelo de xestión da auga; “tanto de depuración coma de abastecemento”.
Finalmente, Luís Pérez agradeceu á oposición polo seu voto a favor nesta cuestión, resultando 20 votos da suma do BNG, PP, PPBI e unha abstención do PSdeG.
Aprobada a moción en defensa da Sanidade pública no concello de Ribeira
A Plataforma en Defensa da Sanidade Pública da Barbanza propuxo unha moción que foi debatida polo Pleno da Corporación saíndo adiante cos votos a favor de PP, BNG, PBBI e abstención do PSdeG.
Foi Dolores Sanlés, en representación da plataforma, a encargada de defender durante a moción que demandaba aos grupos da Corporación Municipal de Ribeira o apoio unha moción na que se insta á Consellería de Sanidade a cubrir de inmediato todas as vacantes, baixas e vacacións do persoal de todas as categorías profesionais dos centros de saúde do concello; a apoiar ás reivindicacións da Plataforma en Defensa da Sanidade Pública da Barbanza e da veciñanza por unha atención sanitaria pública, digna, de calidade e sen listas de agarda, así como visibilizar estas reivindicacións coa instalación dunha pancarta nun espazo ou edificio público.
Suárez-Puerta falou que este problema vén de atrás “resultado dunha política que se está aplicando en Galicia, xa o vimos en Palmeira, Corrubedo, en Aguiño e agora en Ribeira” e engadiu “a min paréceme moi preocupante a situación tanto situación laboral dos médicos como a propia atención para a veciñanza”. Colomer destacou que “todo atende as políticas de privatización que están levando a cabo os populares alá onde gobernan”.
O concelleiro de Sanidade, Juan Luis Furones, agradeceu á plataforma por presentar a moción para pasar posteriormente a facer un exercicio histórico do problema indicando que “esta non é unha situación conxuntural nin que se vaia a resolver por arte de maxia no 2028”.O concelleiro de Sanidade remontouse ao ano 1991 co informe do ministro socialista Fernando Abril Martorell que predicía unha importante tensión no sistema público de saúde, e daba as ferramentas para destensalo. Rematou manifestando se están implementando medidas restritivas, “permitir que o deterioro do sistema sexa tal, que de tal maneira ao final o sistema, coma quen dí; “entre todos o mataron e el só morreu, niso estamos agora”.
A concelleira, Cruz Rivadulla, mostrou “o apoio total e absoluto do seu grupo á veciñanza de Ribeira así coma a Plataforma en Defensa da Sanidade Pública”. Salientou que a Sanidade pública “é un piar fundamental da sociedade do benestar”, referiuse á situación da atención primaria de Ribeira sinalando que ”leva anos deteriorada sen que a Xunta de Galiza poña medios e recursos suficientes que resolvan este problema”.
O alcalde, logo da quenda de intervencións do grupos, quixo informar á cidadanía que dende que tomou posesión, en xullo do ano 2023, leva pedindo reunións coa Consellaría de Sanidade para tratar asuntos relacionados co servizo de saúde no concello pero atópanse coa negativa da Xunta a manter reunións. Pérez Barral lamentou a falta de colaboración institucional que a Xunta está facendo e reivindicou que o seu goberno sempre estará do lado da veciñanza “para defender os seus dereitos e intereses”.
Para finalizar a Corporación Municipal aprobou a moción cos votos a favor de PP, BNG, PBBI e abstención do PSdeG.
Proposición sobre melloras na zona de Coroso.
A proposta presentada argumenta que é necesario dotar de beirarrúas o final da praia de Coroso coa estrada AC-305 onde se atopa a subestación eléctrica.
O texto aprobado por unanimidade, incide en que o Concello de Ribeira redactará un proxecto construtivo para negociar a cesión voluntaria dos terreos necesarios para a construción dunhas beirarrúas entre o cámping de Coroso e a estrada AC-305.
Proposición sobre melloras en Deán Pequeno e na Avda. de Ferrol
A rúa Deán Pequeno e a súa conexión coa Avenida de Ferrol padecen algunhas veces incidencias que afectan á mobilidade, especialmente pola dificultade que teñen os camións de grandes dimensións para incorporarse á Avda. de Ferrol dende Deán Pequeno.
A proposta propón a adquisición dun terreo para facilitar a incorporación e manobra dos camións e vehículos pesados desde Deán Pequeno cara á Avda. de Ferrol e completar a urbanización da rúa Deán Pequeno.
O segundo tenente de alcalde, Suárez-Puerta, en referencia á adquisición do terreo sinalou “que nos o Concello podería encontrarse na mesma situación que en Carreira na curva da Muñeira, xa que a estrada pertence á Deputación e habería que solicitar permiso para realizar actuacións nese vial”.
O tenente de alcalde, Vicente Mariño manifestou que está ao tanto das demandas veciñais e que no caso dos problemas de estacionamento por iso argumentou que se puxo a disposión da veciñanza unha parcela para resolver o problema. Respecto á proposta da da adquisición do terreo para a curva que conecta coa Avda. de Ferrol o tenente de alcalde mostrouse receptivo á proposta e aínda engadiu algunha proposta de mellora ao respecto.
O concelleiro de Infraestruturas e Obras, Xabier Vidal transmitiu que “compartimos a preocupación pola mellora da seguridade viaria e as condicións de vida da veciñanza pero entende que esa mellora debe facela a propia Deputación para evitar que sexa o Concello o que asuma máis gastos”. Por outra banda Vidal falou do problema real que acontece en Deán e é a existencia dunha industria con tráfico pesado nun espazo urbano e residencial”.
O concelleiro propuxo presentar esta petición ao organismo titular da estrada, á Deputación, para que sexa esa institución a que compre terreo para facer o arranxo da curva.
Finalmente a proposta saíu adiante cos votos a favor de PP, PBBI e os votos en contra de BNG e PSdeG.
Deja un comentario
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.