Tuesday 01 de July de 2025

Teatro, música, baile e animación na rúa: o Verán Cultural da Pobra ofrecerá máis dunha vintena de actividades


· A concelleira de Cultura, Patricia Lojo, presentou un “programa variado e con propostas para veciños e veciñas de todas as idades e pertencentes a distintas disciplinas artísticas”.

A cultura estará moi presente no verán da Pobra. Así o confirmou, esta mañá, a concelleira, Patricia Lojo, durante a presentación do Verán Cultural 2025, un programa “variado e no que se inclúen 24 actividades para veciños e veciñas de todas as idades e pertencentes a distintas disciplinas artísticas”. A programación cultural non se fará esperar e, precisamente esta semana, levaranse a cabo as primeiras propostas. Dúas delas estarán enmarcadas dentro do Festival Atlántica de narración oral e a outra será un concerto da Banda de Música da Pobra. Como avanzou a concelleira de Cultura, este non será “o único recital da agrupación pobrense, que terá un gran protagonismo estes meses, con ata cinco recitais”. A Banda de Música non será a única agrupación local que actuará no municipio, senón que tamén haberá actuacións da Asociación Xiada e da Asociación de Amas de Casa da Pobra.

A proposta inaugural do Verán Cultural será este xoves, 3 de xullo, ás 21.00 horas no teatro do Cine Elma. Ese día, Oswaldo Digón chegará á instalación co espectáculo Artiloxios, dirixido a público infantil a partir dos 6 anos, familiar e adulto.

Ao día seguinte (venres, 4 de xullo ás 21.30 horas), os xardíns do pazo do Couto acollerán Vicio houbo sempre como parte tamén do Festival Atlántica. Ese mesmo día, ás 22.00 horas, o Cantón da Leña será o escenario do primeiro concerto do verán da Banda de Música da Pobra.

O sábado, 5 de xullo, ás 21.00 horas o Festival Atlántica despedirase da Pobra con Historias de filandar, de José Luis Gutiérrez (Don Guti). A actuación, dirixida a público adulto, será no castro da Croa.

A vindeira actividade terá lugar o sábado, 12 de xullo, ás 20.30 horas na praza do Emigrante. A Asociación Xiada celebrará, en colaboración co Concello, o seu XII Encontro de Música e Baile Tradicional.

O Verán Cultural proseguirá o martes, día 15 de xullo, ás 20.30 horas co espectáculo Maker Maxia de Magos Maker para público infantil. Dous días despois (xoves, 17 de xullo ás 20.30 horas), os nenos e nenas poderán gozar tamén de O censor dos monstros. A Farra Xous contará aos cativos e cativas a historia de Cristovo quen, grazas ao seu traballo (censor de monstros) descubriralles os seres fantásticos que habitan en Galicia.

O venres, 18 de xullo, a praza do Emigrante vibrará con dous concertos. O primeiro terá lugar ás 21.30 horas e correrá a cargo de Brumeigho, unha agrupación tradicional galega conformada por sete músicos comprometidos coa preservación do patrimonio musical. Sabela King & The Heartbreakers tomará a remuda ás 23.00 horas, interpretando temas propios e versións de clásicos de Sam Cooke, Johnny Cash e Emily Loizeau.

O martes, 22 de xullo, ás 20.30 horas o Cantón da Leña será o escenario de Pallaso total do grupo Duende de Circo. A actuación mesturará xogos e interacción co público. O xoves, día 24 (20.30 horas), será a quenda de Tavole, de Circo Chosco, unha aventura para todos os públicos na que o circo, a acrobacia e as risas serán os grandes protagonistas.

O Cantón da Leña será tamén o escenario no que se celebrará o Festival de Verán de Canto, Baile e Música Tradicional Caramiñas, organizado pola Asociación de Amas de Casa da Pobra (sábado, 26 de xullo, ás 21.00 horas). O talento local seguirá sendo protagonista ao día seguinte, domingo 27 de xullo, da man dunha nova actuación da Banda de Música da Pobra. Nesta ocasión, os músicos interpretarán bandas sonoras de películas de debuxos animados.

O martes, 29 de xullo (ás 20.30 horas), terá lugar un espectáculo de animación de rúa Gran cuarteto da familia Bocaprier e o xoves, día 31 (ás 20.30 horas), Chuches Amil aterrará na Pobra con Chuches Amil Dúo, A parella formada por Fran Amil (creador, compositor e arranxista) e Fernando Román (clásico da música folk en Galicia) interpretarán algunhas das súas mellores creacións para público familiar.

Programa de agosto

O programa de agosto arrincará o martes, día 5, ás 20.30 horas, no Cantón da Leña con A cápsula do tempo de Jack Johnson & Jack Johnson. Dous días despois (xoves, 7 de agosto, ás 20.30 horas), o circo inundará o Cantón da Leña con O último que apague a luz de Vela Circo, unha mestura entre o humor, o clown, os equilibrios e a manipulación de obxectos.

O venres, día 8 (ás 22.00 horas), a Banda de Música volverá converter o Cantón da Leña no seu escenario e, ao día seguinte (sábado, 9 de agosto ás 20.30 horas), o Cine Elma acollerá o XXVII Encontro de Habaneras da Asociación de Amas de Casa da Pobra.

O martes, 12 de agosto, ás 20.30 horas, terá lugar Moby Dick, de Pedras de Cartón. A partir da afamada novela de Herman Melville, xogarase coa figura do gran cachalote, representada por un monicreque de tres metros. O xoves, día 14, será a quenda de Asacocirco con Circo de lume (21.30 horas no Cantón da Leña). Este espectáculo é unha fusión entre a danza, os malabares e a pirotecnia, buscando crear unha conexión directa co público asistente.

A música invadirá a praza Alcalde Segundo Durán o venres, 15 de agosto. Primeiro, da man da banda de versións Ajencia Trivutaria (ás 22.00 horas) e, a continuación, cun concerto de Human. Este último é un trío musical natural da Pobra con influencias do rock americano e do country. O remate da festa correrá a cargo de Chocolate Disco Móvil.

O martes, 19 de agosto, Migallas Teatro chegará á Pobra con Que viva o galego (20.30 horas). Durante a iniciativa, o público mergullarase nunha aventura na que terá que superar varias probas de xeito cooperativo, todas elas relacionadas coa lingua galega.

As dúas últimas propostas do programa correrán a cargo da Banda de Música da Pobra, que ofrecerá dous concertos no Cantón da Leña. Un será o sábado, 23 de agosto, ás 22.00 horas, e o segundo e último será o venres, día 29, ás 21.00 horas.

Deja un comentario