Tuesday 01 de July de 2025

Fene renova o seu compromiso cos festivais Felicia Pop e FeneRock, que se celebrarán en agosto e setembro


O Concello de Fene destina 22.000 euros para apoiar a organización dos dous eventos e reforzará os servizos municipais para garantir os seu correcto desenvolvemento

Ademais das axudas económicas, o concello colabora nas sesións vermú de ambos festivais, abertas de balde ao público

O Concello de Fene reafirma o seu compromiso co tecido cultural e asociativo local coa sinatura esta mañá dos convenios de colaboración cos festivais Felicia Pop e FeneRock, que se celebrarán nas parroquias de Limodre e San Valentín nos meses de agosto e setembro. A achega municipal ascende a 22.000 euros (11.000 por festival) dos que o 70% se adianta agora (7.700 euros por evento) para contribuír aos gastos organizativos, completándose o pago tras a xustificación da subvención.

Ademais da axuda económica, o Concello colabora tamén na organización das sesións vermú gratuítas, aportando un grupo para cada festival, e reforzará os servizos municipais -como limpeza, recollida de residuos e seguridade- co obxectivo de garantir que todo funcione correctamente durante o desenvolvemento dos eventos.

A alcaldesa, Sandra Permuy, destacou que “estes festivais son unha referencia cultural e social que traspasa as fronteiras do propio concello e que teñen un impacto moi positivo tanto a nivel cultural como económico”. Engadiu ademais que “o apoio do Concello non é só económico, senón tamén loxístico e organizativo, reforzando os servizos para garantir que todo discorra coa máxima normalidade e que a veciñanza e visitantes poidan desfrutar da música en condicións óptimas”.

Pola súa banda, o concelleiro de Cultura, Justo Ardá, sinalou que “Fene é hoxe un exemplo de como a cultura feita desde abaixo, con paixón e compromiso, transforma os territorios, dinamiza a economía local e crea comunidade. Estes festivais son parte esencial da nosa identidade”.

Cartel dos festivais

O Felicia Pop, que se celebrará os días 1 e 2 de agosto en Limodre, contará coas actuacións de The Optic Nerve, Hey Hematoma, Los Bengala, Los Mejillones Tigre, Mega Purple Sex Toy Kit, Cometa, Ulex, Mooon, Pava e Allo Negro.

O FeneRock, que terá lugar do 6 ao 8 de setembro en San Valentín, traerá ao escenario a Herdeiros da Crus, Sôber, Los Tigres del Cañotas, Viva Belgrado, Hour Glass, Monoulious Dop, Ezpalak, Lisdexia, A Pelo, Efecto Imperfecto, Los Hombres de Diego, Galiza Sound Machine e DJ R4tibrón.

Con esta sinatura, o Concello de Fene reafirma a súa aposta pola cultura como motor económico e social, apoiando proxectos que atraen centos de persoas, dinamizan o tecido económico e consolidan a Fene como referente nos festivais de música alternativa e cultura contemporánea.

As entradas e abonos para ambos eventos poden adquirirse nas respectivas webs dos festivais, https://www.feliciapopfestival.com/ e https://fenerock.gal/.

Deja un comentario