
San Sadurniño viviu este domingo, 29 de xuño, unha intensa e exitosa xornada deportiva coa celebración de tres probas non competitivas que reuniron preto de 250 participantes entre ciclismo e carreiras a pé. A IV BTT Concello de San Sadurniño, o II Trail e o I Cross infantil encheron os montes e camiños da contorna nun día marcado pola calor, que malia todo non impediu que practicamente todas e todos os deportistas completasen os circuítos elixidos, pero tamén pola boa organización do Club MTB Biela e Chaveta xunto cun bo feixe de persoas colaboradoras. A seguinte cita, o 8 de agosto en Naraío con motivo da III Cronoescalada Sanrockeira. Unha contra reloxo encadrada no programa Sansa en Rodas que irá seguida, xa en setembro, dunha ruta BTT nocturna.
O punto de referencia para todas as probas estivo no arboreto da Cortiña, onde se situaron as saídas e chegadas. Desde alí partiron os tres trazados da BTT –de 61, 50 e 23 quilómetros– e os dous do Trail –de 23 e 11 quilómetros–, mentres que a rapazada completou varias voltas a un circuíto marcado arredor da zona verde.
A calor foi sen dúbida un reto engadido, pero a organización estivo á altura ofrecendo refrixerios líquidos e sólidos en distintos puntos, ademais de ter despregados polo territorio a máis de medio cento de colaboradores e colaboradoras pendentes dos cruzamentos de pistas e de calquera outra incidencia que puidese ocorrer. José Manuel Barro, presidente do club organizador Biela e Chaveta, recoñecía que xa contaban coa dificultade engadida do sol, que non lle restou éxito ao reto: “Sabiamos que a temperatura sería alta, pero creo que quedou todo o mundo contento. Valeu a pena organizar a proba”.
No caso da BTT, a variedade de percorridos permitiu adaptarse a diferentes perfís de participantes, desde as persoas máis preparadas ata as que se iniciaban neste tipo de probas. Óscar Roca, do Club Ciclista Narón destacaba o nivel organizativo e a calidade dos trazados. “Foi unha ruta moi ben organizada, con sendeiros limpos e perfectamente sinalizados. A verdade, espectacular. Ao haber tres percorridos, serve tanto para competir como para probar ou simplemente dar un paseo”, explicaba na chegada pouco despois de completar os 61 quilómetros por pistas, camiños e corredoiras de San Sadurniño, Neda, Moeche e As Somozas.
Aínda que non había cronometraxe oficial, os máis rápidos completaron o trazado longo en pouco menos de tres horas. “Algúns foron a todo o que deron e outros fomos máis tranquilos, a nivel medio. Aos que menos levoulles 2 horas e 55 minutos”, contaba Roca, quen tamén animou a que máis xente se sume en futuras edicións. “A ver se para o ano se anima máis xente porque isto é espectacular”.
O Trail tivo tamén unha acollida notable, con corredores e corredoras de diferentes idades e niveis, ofrecendo dúas alternativas: unha de 23 quilómetros e outra de 11. Mentres, no Cross infantil, arredor dunha vintena de rapazas e rapaces correron entre aplausos nun circuíto deseñado sen saír do arboreto do paseo fluvial, buscando fomentar, principalmente, a participación máis que a competitividade. Obxectivo este último común a todas as probas da mañá.
A xornada rematou cun xantar de confraternidade á beira do río Xuvia, onde participantes, organización e acompañantes compartiron mesa e impresións sobre como fora a mañá. Desde o Concello, o balance tamén foi moi positivo. O concelleiro de Deportes, Manel Martínez, destacaba a complexidade organizativa do evento: “Foi un desafío para Biela e Chaveta e para nós como Concello. Xuntar tres probas nunha soa mañá, con 250 persoas despregadas nun radio de 10 quilómetros, non foi nada doado. Pero a xente do club, o persoal municipal e todas as persoas colaboradoras fixeron un traballo de dez”.
Pola súa parte, o alcalde, Secundino García Casal, puxo en valor o potencial turístico e deportivo da proposta reivindicando que este tipo de actividades “combinan o deporte e aproveitamento sostible dos nosos recursos paisaxísticos. San Sadurniño ten un grande atractivo para este tipo de probas, e contar con Biela e Chaveta é unha garantía”.
E é que a vocación das probas vai máis alá dun só día. A intención do club é que os circuítos de BTT e Trail queden sinalizados de maneira permanente, para que se poida gozar deles durante todo o verán. “Escollimos esta data porque agora queda todo o verán por diante. Os camiños quedan preparados para que calquera poida vir desfrutalos cando queira”, explica José Manuel Barro.
A vista agora está posta na seguinte cita: a III Cronoescalada Sanrockeira, prevista para o venres 8 de agosto, coincidindo coas festas de San Roque en Naraío. Unha proba curta, de apenas tres quilómetros, pero cun desnivel moi esixente que a converte nun reto para quen se anime a subir ata Quintiá desde o campo da festa.
“A Sanrockeira xa vai pola terceira edición e cada vez é máis profesional”, comenta Barro. “É unha subida que pode facer todo o mundo, cada quen ao seu ritmo, e con premio igual para todas as persoas participantes. Haberá un bo avituallamento, ao estilo Biela e Chaveta, e moi bo ambiente. Este ano imos cobrar 5 euros, pero penso que o evento ben o merece”.
A Sanrockeira será un dos referentes estivais do ciclismo comarcal, no que aínda quedará por celebrarse outra proba máis: a Ruta BTT nocturna do venres 19 de setembro.
Deja un comentario
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.