
Este xoves 3 de xullo volve unha nova edición do microfestival As Tardes do Alfar, e faino cun concerto moi especial: o do icónico Miguel Costas, pioneiro do rock galego e alma fundadora de bandas consolidadas como Siniestro Total ou Aerolíneas Federales. O concerto terá lugar ás oito da tarde no parque das Torres de Santa Cruz, nun espazo ao aire libre con entrada de balde e ambiente familiar.
Como é habitual, a tarde comezará ás 19:00h cunha demostración de olería ao vivo da man do artesán Alberto Añón, que converterá o parque nun espazo de creación artística e cultura tradicional.
Miguel Costas, guitarrista, compositor e vocalista, leva máis de catro décadas marcando a historia do punk rock con temas que xa forman parte do imaxinario colectivo. Desde os anos 80, creou himnos do punk rock e da música alternativa e agora continúa nos escenarios coa súa banda actual Costas, revisando grandes éxitos e traendo composicións dos seus anos mozos en grupos coma Los Feliz e Siniestro Total.
Para As Tardes do Alfar, Miguel Costas actuará en solitario cunha proposta máis persoal e íntima, unha oportunidade única para desfrutar en directo dun referente da música galega cunha posta en escena enérxica, irreverente e chea de historia.
Deja un comentario
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.