Tuesday 01 de July de 2025

A Pobra correrá pola diabetes cunha carreira solidaria a favor da Asociación Anedia


· A proba disputarase este sábado, 5 de xullo, e nela poderán participar tanto corredores federados como non federados.

A Pobra correrá pola diabetes. O municipio acollerá este sábado, 5 de xullo, a IV Carreira Solidaria Móvete pola Diabetes. Trátase dunha proba que o concelleiro de Deportes, Eloy Sobrido, cualificou, esta mañá, como “un clásico nestas datas no que se combinan o espírito deportivo e o compoñente social”. Deste xeito, todos os fondos que se recaden irán destinados a sufragar os campamentos de verán para nenos e nenas con diabetes que organiza a Asociación Anedia. O Concello acolleu, esta mañá, a presentación da cita, á que asistiron tanto o edil de Deportes como a presidenta da entidade, María José Rego Lojo, e o presidente da Asociación de Atletismo e Deportes do Barbanza, José Moure Muñiz.

Durante a súa intervención, o concelleiro animou á veciñanza a sumarse á carreira na que, tal e como explicou, “eu mesmo participarei”. Neste sentido, o edil lembrou que poderán tomar parte tanto deportistas federados como non federados. Así mesmo, Sobrido sinalou o “apoio do goberno a esta e a calquera outra actividade que se realice na Pobra”.

As inscricións estarán dispoñibles ata o xoves, 3 de xullo, na páxina web de Carreiras Galegas. O propio sábado, os corredores tomarán parte na proba divididos nas seguintes categorías en función das súas idades: sub-6, 8, 10, 12, 14, 16, 18, 20 e 23; sénior (do 2002 ata os 35 anos) e máster 1, 2, 3, 4, 5 e 6, para persoas de entre 35 e máis de 60 anos. Neste listado hai que sumar, así mesmo, Zapatilla inclusiva, dirixida a todas as idades.

En canto ao percorrido, o punto de saída e a liña de meta serán na praza Segundo Durán, pero a distancia variará tamén en función da idade dos corredores. Os nenos e nenas da sub-6 cubrirán 250 metros, os da sub-8 400, os da sub-10 farán 600 metros, sub-12, 14 e 16 un quilómetro e o resto de persoas realizarán un traxecto de tres quilómetros.

As probas comezarán ás 20.30 horas e o inicio realizarase por quendas en función das categorías, arrincando a última ás 22.00 horas. A entrega de premios aos mellores terá lugar ás 22.30 horas, e outorgaranse trofeos para o primeiro clasificado e medallas para os que acaden os segundos e terceiros postos, así como medallas para todos os nenos da sub-6 e sub-8.

Os cartos recadados destinaranse, integramente, á Asociación de Nenas, Nenos e Xente Nova con Diabetes. A entidade leva anos traballando para garantir a correcta atención a nivel educativo, laboral e sanitario das persoas con diabetes.

Deja un comentario