Tuesday 01 de July de 2025

A Xunta de Goberno aproba as bases da convocatoria de subvencións para o fomento do deporte federado


A Xunta de Goberno Local aprobou as bases da ‘convocatoria de subvencións en réxime de concorrencia competitiva, destinadas ao fomento do deporte federado. Ano 2025’. A súa finalidade é a promoción das entidades deportivas locais de carácter federado, co obxecto de financiar, en parte, os gastos derivados da súa participación nas competicións deportivas establecidas nos correspondentes calendarios oficiais das federacións autonómicas e nacionais. Estas axudas contan cun orzamento de 330.000 euros, cun importe máximo a percibir por entidade de 18.000 euros.

Nesta convocatoria poden participar entidades asociativas con domicilio social en Compostela que participen en competicións federativas.  A concelleira de Deportes, Pilar Lueiro, explicou que a convocatoria consolida as partidas deste mandato e avanzou que o seu departamento está estudando melloras na baremación para vindeiras convocatorias, xa para 2026.

As entidades poden solicitar axuda para gastos de licenzas federativas, inscricións e outros gastos vinculados ás competicións, arbitraxe, material deportivo non inventariable, alugueiro de instalacións, servizos de lavandería, gastos médicos e seguros, devindicados entre o 1 de xaneiro e o 20 de outubro deste ano.

A subvención máxima por entidade sitúase en 18.000 euros e calcularase de acordo co baremo que se indica no anexo 1 da convocatoria, en función do número de equipos e licenzas, o tipo de deporte e os ámbitos de competición.

As solicitudes terán que presentarse na sede electrónica do Concello (ou polos medios que prevé a normativa de procedemento administrativo) durante os 15 días naturais seguintes a que a convocatoria se publique no Boletín Oficial da Provincia (BOP) da Coruña.

Licenzas 

No punto relativo a licenzas urbanísticas, aprobáronse, entre outras, a rehabilitación de fachadas dun edificio na rúa Dublín, a construción dunha vivenda unifamiliar en Villestro, a rehabilitación dun edificio situado na rúa Eduardo Pondal e a substitución dunha cuberta e acondicionamento interior en San Lourenzo, así como a instalación dun ascensor nun edificio situado nas rúas de Madrid, Bruxelas e Praga.

No tocante á contratación, o asunto máis destacado da XGL foi a adxudicación do contrato para as obras de reurbanización da rúa de García Lorca á empresa MOVIMIENTOS DE ÁRIDOS Y CONSTRUCCIONES DE AROSA SL (MARCONSA) por un importe de 1.082.727,54 € (IVE incluído).

Outros asuntos

A Xunta de Goberno tamén autorizou o préstamo temporal, a favor da Fundación Cidade da Cultura, de 10 esculturas de Francisco Asorey: busto de dona Dolores Ulla y Fociños de Bendaña,  altar da igrexa do Panteón do Centro Galego de Buenos Aires, Condesa de Marín, Lucila Barberán Bellido, Virxe dos Desamparados, busto de Señora de González Sierra, Virxe de Fátima, Asunción de María, monumento ao astrónomo Ramón Mª Aller Ulloa e Man de Asorey.

Tamén se acordou emitir unha orde de continuidade do contrato de concesión do aparcadoiro da praza de Galicia coa empresa ESTACIONAMIENTOS GALLEGOS S.A. (EGASA), polo tempo estritamente necesario para o remate do expediende de municipalización que se atopa en tramitación e o inicio da nova xestión.

Aprobouse, así mesmo, a prórroga por un ano do  seguro de accidentes do persoal municipal, baseado nun acordo marco da central de contratación da FEMP coa empresa Markel (ata o 10-07-2026).  O importe da prórroga é de 12.999,44 euros.

Autorizouse a actualización da renda dos contratos de aluguer dos locais número 4 e 5 da rúa do Presidente Salvador Allende, destinados a oficinas municipais, segundo a variación do IPC (2%).

A Xunta de Goberno acordou tamén conceder o premio de creación literaria SELIC 2024, consonte a proposta do xurado, á obra Sarela, presentada por Margarita Tojo González e autorizou o pagamento do importe de 6.000 euros previsto nas bases.

Tamén se tomou conta das axudas correspondentes aos seguintes programas: Rede Cultural 2025 da Deputación da Coruña, por valor de 5.381,04 euros para a realización das actividades cun orzamento de 17.936,80 euros; e Ler conta moito, da Xunta de Galicia, por valor de 3.209,84 euros para financiar actividades da Biblioteca Pública Municipal José Saramago dos Centros Socioculturais cun orzamento de 5.693 euros.

No punto relativo a asuntos xudiciais deuse conta dunha sentenza do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia que confirma a denegación de pagamentos por servizos extraordinarios a mandos da Policía Local.

Deja un comentario