
A oferta educativa da Escola Oficial de Idiomas en Carballo para o curso 2025-2026 inclúe os cursos ordinarios habituais de alemán (A1 e A2), español para estranxeiros (A2 e B1), francés (A1, A2, B1, B2.1 e B2.2) e inglés (todos os cursos); así coma cursos de conversa en francés (B1) e inglés (C1), e de expresión escrita semipresencial en inglés (C1). Por primeira vez, o curso ordinario de nivel C2 de inglés será semipresencial.
O prazo para a solicitude de praza (preinscrición), que se fai en liña, comezou o día 16 de xuño e remata o 7 de xullo. Deberán solicitar praza aquelas persoas que non estiveran matriculadas na EOI en Carballo (ou na EOI da Coruña e seccións) no curso 2024-2025. Poderán consultar se foron admitidos o día 10 de xullo, accedendo á aplicación de preinscrición. O prazo de matrícula para o alumnado preinscrito e admitido é do 10 ao 21 de xullo.
O prazo de matrícula extraordinaria para os alumnos coa cualificación e apto, non apto ou non presentado na convocatoria extraordinaria será do 27 de xuño ao 7 de xullo (12:00h).
Canto á matrícula para os cursos de conversa e de expresión escrita para público en xeral, non precisará de preinscrición previa e farase de xeito telemático ata esgotar prazas.
O prezo das taxas para os cursos ordinarios é de 127 euros para o alumnado que se matricula por primeira vez nunha EOI de Galicia, e de 105 euros para os que xa estiveron matriculados con anterioridade. Canto aos cursos de conversa e expresión escrita, o prezo é de 1,5 euros por hora mais a taxa de apertura de expediente para novo alumnado e 13 euros en concepto de servizos xerais.
Deja un comentario
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.