Friday 22 de November de 2024

‘Explosión de cor na Pintinidoira’ é a fotografía gañadora do concurso ‘A Túa Paisaxe de Outono’


O Instituto de Estudo do Territorio vén de fallar a primeira edición deste certame relativo a esta estación do ano

O Instituto de Estudos do Territorio, dependente da Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio, vén de falar a primeira edición do concurso de fotografía A Túa Paisaxe do Outono, que recaeu na imaxe Explosión de cor na Pintinidoira e cuxo autor é José María Gómez.

O xurado valorou tanto aspectos paisaxísticos da fotografía presentada, como o carácter divulgativo en relación aos valores paisaxísticos que se están a traballar no Catálogo das Paisaxes de Galicia. No caso da fotografía gañadora, esta pertence á área paisaxística de das Serras orientais, incluída na Área de Especial Interese Paisaxístico Devesas de Pintinidoira e Vilaspasantes AEIP-01-13), cuxas característica máis relevante é a existencia dun gran faial.

A Grande Área Paisaxística Serras Orientais abrangue unha extensa área do oriente galego nun sector de dominancia de serras; contrastan na paisaxe, de carácter montañoso, os cumios das serras, entre os máis altos de Galicia, e os vales encaixados. Os distintos materiais litolóxicos, a tectónica, a acción fluvial e o glaciarismo influíron no modelado da diversidade morfolóxica do relevo. Os elementos paisaxísticos destacados son as cristas de cuarcita e os macizos calcarios ou taros, así como evidencias da influencia glaciar e periglaciar.

Destaca a presenza dunha importante extensión de hábitats naturais e seminaturais, matogueiras e bosques autóctonos que se estenden polos avesedos. A súa diversidade florística ofrece un amplo abano de contrastes cromáticos e de textura entre especies ao longo das distintas estacións do ano.

O Xurado, composto por membros do Comité de Expertos que interveñen na elaboración do Catálogo das Paisaxes de Galicia, tamén recoñeceron como primeiro finalista a imaxe Atardecer na Illa de Creba e como segundo Camiño de Outono.

O autor de Explosión de cor na Pintinidoira (fotografía gañadora) recibirá unha cámara de fotos reflex; mentres que os finalistas recibirán unha cesta de produtos agroalimentarios relacionados coas paisaxes galegas, valorada en 100 euros.

Trátase dunha iniciativa posta en marcha pola Xunta en colaboración coa Fundación Galicia Sustentable; un concurso amateur que se encadra dentro do programa Somos Paisaxe e que está dirixido á totalidade da poboación e pon de manifesto a importancia ambiental, cultural, social e económica que posúen as paisaxes como sinal de calidade de vida.

O seu obxectivo é activar unha mirada sobre o territorio que transcenda o puramente estético, xa que se pretende lograr a mellora do coñecemento e a posta en valor da paisaxe, comunicando así aspectos relacionados cos beneficios que esta lle aporta ao desenvolvemento económico e ao benestar da sociedade galega. A finalidade última do concurso consiste na consecución dunha serie de imaxes que reflictan a capacidade que posúe a paisaxe galega para a mellora da calidade de vida da poboación.

De feito, o programa Somos Paisaxe pretende achegar o entorno á xente para facerlles máis interesante e atractiva a colaboración nos procesos formais de participación para a elaboración do sílabo.

É preciso salientar o labor da Xunta de Galicia, posto que se encarga de promover as actuacións de formación, sensibilización e educación dirixidas á sociedade galega en xeral, e aos usuarios do territorio en particular, que teñen como finalidade a promoción do entendemento, respecto e salvagarda dos elementos que configuran as paisaxes desta comunidade autónoma.

Esta acción forma parte dunha serie de concursos que buscan o destaque das paisaxes galegas no esplendor de cada estación; de feito, hoxe mesmo remata o prazo para a presentación de imaxes ao concurso A túa paisaxe de Inverno. Os traballos presentados nas catro convocatorias (verán, outono, inverno e primavera) formarán parte dunha exposición itinerante que percorrerá distintos lugares de Galicia con finalidade divulgativa.