Tuesday 01 de July de 2025

A Xunta reforza na Coruña a coordinación policial para garantir unha resposta eficaz ante os incendios forestais nesta época de alto risco


— A delegada da Xunta na Coruña, Belén do Campo, presidiu a reunión do Comité Provincial da Coruña de Coordinación Policial contra os incendios forestais

— Belén do Campo puxo en valor que, na provincia da Coruña, a Xunta conta este verán con 115 brigadas, 88 motobombas, 4 bulldozer e 2 helicópteros e están movilizadas 1.285 persoas que participan na defensa contra incendios

A delegada da Xunta na Coruña, Belén do Campo, presidiu hoxe a reunión do Comité Provincial da Coruña de Coordinación Policial contra os incendios forestais para a campaña de alto risco, na que tamén participou e a delegada da Xunta en Ferrol, Martina Aneiros. Este órgano está formado por representantes das diferentes forzas e corpos de seguridade do Estado presentes en Galicia.

O obxectivo da xuntanza, na que tamén participaron a Subdelegada do Goberno, María Rivas, membros da Delegación do Goberno e da Dirección Territorial de Medio Rural, foi reforzar a coordinación entre administracións e avanzar na loita contra os lumes no territorio provincial.

A representante do Goberno autonómico puxo en valor que na provincia da Coruña a Xunta conta, este verán, con 115 brigadas (Medio Rural + GES + Concellos), con 88 motobombas (Medio Rural + GES + Concellos + Parques Comarcales), con 4 bulldozer (Medio Rural) e 2 helicópteros (Medio Rural). Ademais, destacou que en total están movilizadas 1.285 persoas que participan na defensa contra incendios (Medio Rural + GES + Concellos + Parques Comarcais).

Durante a reunión, realizouse unha análise detallada por parte do Servizo de Prevención e Defensa contra os Incendios Forestais (SPIF) sobre a evolución dos incendios forestais rexistrados nos anos 2024 e no que vai de 2025, avaliando os principais focos, a superficie afectada e os tempos de resposta na extinción.

Ademais, planificouse a actividade de vixilancia preventiva para a campaña de alto risco de 2025, coordinando recursos técnicos e humanos entre os distintos corpos e administracións para garantir unha resposta eficaz ante posibles emerxencias. Así, consonte ao habitual nestas datas, estableceuse unha distribución dos diferentes efectivos sobre o territorio, prestando especial atención a aquelas áreas con maior incidencia deste tipo de actuacións.

Outro dos puntos centrais da reunión foi a análise dos resultados das investigacións realizadas polas forzas e corpos de seguridade do Estado sobre os incendios do ano anterior, afondando na identificación de causas, autores e recorrencias, así como na evolución da actividade incendiaria en cada distrito forestal da provincia.

A delegada destacou a importancia da cooperación entre administracións e corpos de seguridade “para anticiparse, actuar con eficacia e, sobre todo, previr os incendios forestais que ameazan o noso patrimonio natural, a seguridade das persoas e o medio rural galego”. Neste senso, fixo referencia a renovación permanente que se realiza desde a Xunta de Galicia dos vehículos e equipamentos para loitar contra os incendios forestais. Dentro do marco de colaboración entre administracións a delegada tamén lembrou que desde a Xunta se realizan simulacros para optimizar todos os recursos humanos e materiais, o máis recente tivo lugar no Concello de Rianxo.

No marco deste comité, a delegada territorial apelou á responsabilidade dos cidadáns para que extremen as precaucións e fixo un novo chamamento á cidadanía para que denuncie calquera actividade delituosa que poida poñer en perigo a nosa riqueza forestal, xa que reiterou que 3 de cada 4 lumes son intencionados.

Neste sentido, lembrou que a Xunta ten a disposición da cidadanía o número de teléfono gratuíto 085, ao que deben chamar en caso de detectar algún lume forestal. Ademais, destacou que existe un teléfono anónimo e gratuíto para denunciar calquera actividade delituosa incendiaria da que se teña sospeita ou coñecemento: 900 815 085.

Deja un comentario