
O Concello aposta por este tipo de iniciativas para ofrecer á mocidade oportunidades para coñecer outros países, idiomas e culturas.
Froito da participación do Concello en diferentes iniciativas apoiadas pola Unión Europea e das relacións de amizade e colaboración establecidas con municipios e entidades de diversos países do continente, durante os últimos anos desde A Laracha estanse a organizar programas de intercambio xuvenil dirixidos a mozos de entre 18 e 30 anos de idade.
Nesta semana, desde o pasado martes e ata o próximo día 1 de xullo, dez laracheses -xunto a dous acompañantes do Concello- participan na cuarta edición do programa que se leva a cabo en Venecia en colaboración co Polo Tecnico Professionale desa localidade italiana, onde están aloxados xunto a mozos doutros países.
O plan semanal inclúe a realización de actividades relacionadas co deporte, a saúde, as políticas de xuventude, o medio ambiente, a igualdade, o espírito emprendedor, a creatividade, a arte, o turismo activo, a cultura e a aprendizaxe de idiomas. Entre os puntos máis destacados que coñeceron están a ponte da Calatrava e a illa de Burano, ademais de visitar os principais museos da zona e realizar unha ruta guiada pola cidade de Venecia.
O Concello aposta por este tipo de programas no verán para ofrecer á mocidade oportunidades para coñecer outros países, idiomas e culturas, potenciar a mobilidade xuvenil, tender pontes para a cooperación transfonteiriza con outros países, contribuír á construción da cidadanía europea e, tamén, para proxectar o Concello da Laracha cara o exterior.
Neste verán o Concello participará noutra viaxe de intercambio de similares características en Tiflis, a capital de Xeorxia. Realizarase do 8 ao 15 de xullo e formarán parte dela oito mozos.
Deja un comentario
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.