Apunta que desde o Goberno autonómico “queremos loitar pola integración plena e pola singularidade dentro da diversidade” destas persoas
O conselleiro de Política Social, José Manuel Rey Varela, acompañado pola secretaria xeral de Igualdade, Susana López Abella e da directora xeral de Maiores e Persoas con Discapacidade, Coro Piñeiro, celebrou a conmemoración do Día Mundial da Síndrome de Down. O responsable da área social asegurou que detrás dos casos de discapacidade intelectual e de síndrome de Down “hai persoas das que os galegos e as galegas nos sentimos tremendamente orgullosos”.
Na súa intervención, o conselleiro destacou a importancia que ten para as persoas con síndrome de Down “a súa autonomía e independencia individual, en particular da liberdade de tomar as súas propias decisións”. Nesta liña apuntou que desde o Goberno autonómico “queremos loitar pola súa integración plena, pola súa singularidade dentro da diversidade”.
Para acadar este obxectivo o titular de Política Social informou que desde o ano 2009 ata o actual 2016, a Xunta de Galicia “ten aumentado nun 78% o importe do convenio que asina anualmente coa entidade que agrupa as Asociacións específicas para a Síndrome de Down da Comunidade Autónoma de Galicia”. “Grazas este apoio chegamos ata os 446.838 euros”, engadiu. O conselleiro sinalou que o apoio prestado a estas entidades favorece “a integración e a igualdade das persoas con síndrome de Down logrando así que tanto eles como as súas familias consigan mellorar a súa calidade de vida”.
Carteira de servizos
Así mesmo, a Consellería de Política Social vén de asinar varios contratos de xestión, en réxime de concerto, con entidades de apoio a persoas con síndrome de Down para a prestación de servizos de promoción da autonomía persoal e atención destinados a persoas con discapacidade intelectual nos concellos de A Coruña, Santiago, Lugo, Ourense e Vigo. Ao respecto, Rey Varela explicou que se trata da primeira licitación de servizos desta natureza que se pon en marcha na Comunidade Autónoma, dentro da nova carteira de servizos sociais para a promoción da autonomía persoal e a atención ás persoas con dependencia.
Deste xeito, os servizos que se prestarán ao abeiro destes novos concertos coas entidades de Down son: formación prelaboral, adestramento de habilidades persoais e sociais e logopedia.
Valiosas contribucións
José Manuel Rey Varela valeuse das verbas da ONU neste Día Mundial para transmitir a importancia de “aumentar a conciencia pública sobre a cuestión e recordar a dignidade inherente, a valía e as valiosas contribucións das persoas con discapacidade intelectual como promotores do benestar e da diversidade das súas comunidades”.
Neste eido, o conselleiro lembrou que ao abeiro do convenio asinado coa Fundación Down Compostela, tres persoas con discapacidade intelectual están traballando en servizos dos departamentos de Presidencia, Vicepresidencia e Política Social. Rey Varela subliñou “o compromiso e o coidado” co que estas persoas desempeñan as súas funcións e que “deben ser exemplo para a nosa vida laboral e impulso para continuar loitando pola súa plena integración na sociedade”.