Saturday 28 de June de 2025

Cerca de 300 deportistas participarán este domingo nas rutas organizadas polo Concello de San Sadurniño e o club MTB Biela e Chaveta


San Sadurniño converterase nun referente do deporte de montaña coa celebración este domingo 29 de xuño dunha completa xornada deportiva organizada polo Concello e o club MTB Biela e Chaveta. As probas, unha BTT con tres distancias -61, 50 e 23 km-, un Trail con opción de 11 ou 23 quilómetros e o Cross para a mocidade á beira do Xubia, desenvolveranse ao longo da mañá con saída e chegada no espazo da Cortiña, lugar no que tamén se celebrará o xantar de confraternidade a partir das 14:30 horas. A organización xa ten ultimados os detalles loxísticos, horarios, percorridos e servizos para garantir unha experiencia que satisfaga as expectativas de todas e todos os participantes e, principalmente, que sexa segura. Ao peche das inscricións, o Concello e Biela e Chaveta recibiran 281 solicitudes de participación: 155 para a BTT (20 máis que o ano pasado), 101 para o Trail de Montaña e 25 para o Cross, que seguramente agrupe categorías nunha única carreira.

O primeiro dato organizativo que cómpre ter en conta é o da recollida dos dorsais, que se poderán retirar no Decathlon de Catabois durante a tarde deste sábado, entre as 16:00h e as 20:00h. Outra opción é recollelos o domingo de 07:00 a 08:15h diante do CPI de San Sadurniño.

A proba de BTT dará comezo ás 8:30 da mañá saíndo do arboreto da Cortiña -onde se celebran as feiras- para facer un percorrido dividido en tres distancias: a longa, de 61 quilómetros que percorrerá San Sadurniño, un anaquiño de Neda, Moeche e parte das Somozas; a media, de case 50 quilómetros e a ruta curta de 23.

Para evitar que a duración dos itinerarios BTT sobrepasen o mediodía, a organización estableceu cortes de ruta en lugares e horas determinadas. Así, quen chegue ao cruzamento da Coveluda (no límite con Neda, km 19,5 do percorrido) ás 10:45h ou máis tarde, deberá cambiar de obxectivo e facer a ruta curta.

Por outra banda, quen chegue ao quilómetro 33,5 -na estrada da piscina de Moeche- ás 11:30h ou máis tarde, terá que acurtar o percorrido evitando continuar ata as Somozas. En vez diso, terá que xirar á esquerda e regresar ao punto de saída coma se estivese facendo a ruta media.

Estes puntos servirán tamén como puntos de control de paso e permiten organizar mellor o seguimento das corredoras e corredores.

No que respecta á alimentación e hidratación durante a BTT, haberá avituallamentos de bebida nos quilómetros 8, 19, 32 e 46, estratexicamente situados para garantir que os e as deportistas poidan repoñer líquidos en distintos tramos da carreira.

Ademais, disporanse dous avituallamentos con comida e bebida: un no quilómetro 15, na zona de Pielas, en Naraío, e outro no quilómetro 25, na parrillada María Queira, en Igrexafeita. Estes puntos están pensados para ofrecer un reforzo enerxético a quen afronte as rutas máis longas e esixentes. De feito, no de Pielas, ademais de froita, haberá callos quentiños, e no de Igrexafeita a ración isotónica inclúe liscos recén feitos. Todo acompañado de pan, por aquilo dos necesarios hidratos de carbono.

Pola súa parte, o II Trail de Montaña iniciarase ás 9:00h tamén desde A Cortiña. Esta disciplina contará cun percorrido adaptado tanto a participantes con menos experiencia como a corredores e corredoras máis práctica. Os avituallamentos estarán colocados no quilómetro 6 —para quen realice o trail curto— e no quilómetro 19 —para o trail longo—. En Pielas, compartido coa BTT, tamén se disporá un punto sólido e líquido. Como complemento, todos e todas as participantes, independentemente da modalidade, atoparán avituallamento final na meta.

Ás 10:00h será a quenda da proba de Cross, unha carreira de menor distancia que se desenvolverá integramente arredor da Cortiña, pensada para quen queira gozar dunha actividade deportiva sen enfrontarse a grandes desniveis. Esta modalidade, pensada para a rapazada, tamén contará cun punto de avituallamento na zona de chegada.

No caso de que algunha persoa participante decida abandonar o percorrido do Trail ou da BTT por calquera motivo, a organización establece a obrigatoriedade de comunicarllo ao persoal encargado do control da carreira.Se non se precisa asistencia médica ou mecánica, cada persoa deberá regresar polos seus propios medios, respectando sempre as normas de seguridade. O número de contacto da organización estará dispoñible no dorsal para facilitar a comunicación en caso de emerxencia.

Servizos, aparcamento e consellos importantes
Pensando no benestar dos e das participantes, habilitaranse duchas no CPI de San Sadurniño para quen queira refrescarse tras a carreira. Así mesmo, na zona de autocaravanas estará dispoñible un punto de lavado de bicicletas.

Os vehículos poderán estacionar en tres aparcadoiros que estarán ben sinalizados: un ao pé da saída, na Cortiña, outro ao pé do cemiterio e o terceiro situado a rentes do CPI. Toda esta infraestrutura foi deseñada para facer máis cómodo o desprazamento e a estadía de participantes e acompañantes, para quen hai prevista unha ruta xeolóxica por Naraío ou, como alternativa, poder gozar da piscina municipal a partir das 12:00h.

Como recomendacións xerais, dende a organización pídese a todas as persoas inscritas que leven o móbil con batería completa durante o percorrido e que fagan uso responsable dos recursos, especialmente da auga das duchas e do lavado de bicicletas. Ademais, recórdase que está totalmente prohibido tirar lixo fóra das zonas habilitadas. Nos puntos de control haberá bolsas de lixo, co obxectivo de manter limpo o entorno natural e minimizar o impacto ambiental do evento. A mensaxe é clara: deporte si, pero con respecto ao medio.

Cómpre lembrar que os percorridos atravesan estradas e camiños públicos, polo que poden atoparse vehículos ou outras persoas en tránsito. Por este motivo, faise un chamamento á prudencia e ao respecto das normas de circulación. A prioridade é garantir a seguridade tanto de participantes como da veciñanza que poida coincidir co evento. Por todo isto, a organización insiste en extremar a precaución en todo momento.

Finalmente, infórmase que a participación neste evento implica a aceptación expresa das normas establecidas pola organización. Malia contar con seguro de accidentes, cada persoa inscrita asume a súa responsabilidade durante a proba e exonera tanto ao Concello como ao club organizador de calquera responsabilidade por danos físicos, morais ou materiais que puidesen ocorrer.

A cita do domingo promete ser unha grande xornada deportiva. Ademais virá con sol, quizais demasiado, polo que é tamén moi recomendable non forzar de máis e parar á sombra se se notan efectos na saúde causados pola calor. A IV BTT, o II Trail de Montaña e o I Cross son probas non competitivas que teñen como única finalidade promocionar estas disciplinas e pasalo ben. O caso é non lastimarse.

Deja un comentario