Saturday 28 de June de 2025

O Partido Socialista frea a improvisación do Goberno de Sanmartín coa aprobación dun Plan Anual de Mantemento para Santiago


O Grupo Socialista logrou sacar adiante no Pleno municipal importantes medidas para avanzar cara unha cidade máis coidada, igualitaria e con maior xustiza social.

As iniciativas aprobadas reflicten o compromiso das e dos socialistas coa veciñanza, esixindo responsabilidade ao Goberno da señora Sanmartín e reclamando á Xunta políticas valentes en materia de vivenda e servizos públicos.

O Grupo Municipal Socialista de Santiago levou ao Pleno da Corporación catro iniciativas centradas na mellora da calidade de vida na cidade, cun foco claro en políticas sociais, inclusión laboral, vivenda pública e mantemento urbano.
As propostas socialistas aprobadas supoñen unha mellora da xestión pública e a calidade de vida da veciñanza compostelá e son clave para responder aos desafíos sociais e urbanos de Santiago.

Plan de mantemento urbano

No eido da xestión urbana, a concelleira socialista Marta Abal reclamou a elaboración dun Plan Anual de Mantemento de Infraestruturas, Espazos e Elementos Urbanos, que permita anticipar actuacións e mellorar a eficiencia dos recursos municipais. A moción propón publicar trimestralmente as accións executadas e avaliar anualmente os resultados con indicadores de eficacia e satisfacción cidadá.
Abal aproveitou para animar ao goberno da señora Sanmartín a “elaborar un plan anual de mantemento, porque nos permitirá acabar con respostas tales de cando se poida, porque iso é o que lle están contestando á veciñanza, e iso non pode ser”.
A iniciativa presentada busca evitar actuacións improvisadas e contempla medidas como a avaliación anual con indicadores de calidade e a publicación trimestral das intervencións para garantir transparencia. “Publiquen trimestralmente á cidadanía as principais actuacións realizadas no marco do plan, porque lles permitirá transparentar a acción do Goberno e sobre todo avalíen os resultados do plan” sentenciou a concelleira.

Impulso á contratación inclusiva

As e os socialistas reclamaron ao goberno da señora Sanmartín que cumpra coa Lei de Contratos do Sector Público e co acordo aprobado no ano 2017, reservando polo menos o 5 % dos contratos públicos a Centros Especiais de Emprego de iniciativa social e a empresas de inserción.
A proposta defendida por Abal inclúe tamén a licitación inmediata, como contrato reservado, do servizo de roza e limpeza de parcelas municipais, e a incorporación destas contratacións á planificación anual.

Defensa da vivenda pública

O PSdeG tamén levou ao Pleno unha moción que insta á Xunta a aceptar os fondos do novo Plan Estatal de Vivenda e a abandonar as súas reticencias.

O voceiro socialista aproveitou para lembrar que a Xunta de Rueda, que ten a competencia en materia de vivenda, só inviste 6 millóns de euros aos Plans de Vivenda dun orzamento de 14.000 millóns anuais.

A cidade de Santiago, con máis de 1.000 persoas inscritas no Rexistro de Demandantes, “non pode quedar fóra dunha oportunidade histórica por motivos partidarios”, advertiu o voceiro socialista Gumersindo Guinarte.
A moción insta á Xunta a aceptar os fondos, aumentar o cofinanciamento e poñer en marcha un novo Plan Galego de Vivenda Pública con participación dos concellos.

Deportes e obras da piscina de Santa Isabel

Por último, en relación co peche da piscina municipal de Santa Isabel, o grupo socialista defendeu a necesidade de garantir alternativas reais para que os clubs deportivos poidan continuar coa súa actividade mentres duren as obras.
O voceiro socialista, Gumersindo Guinarte, reclamou un calendario claro de obras, diálogo constante co tecido deportivo e a habilitación inmediata de espazos alternativos, incluído un posible convenio coa Universidade de Santiago.
“A falta de previsión está a castigar ao deporte base e aos clubs locais. Hai solucións posibles, só fai falta vontade política” aseverou Guinarte.

Deja un comentario