
O proxecto supuxo un investimento total de 48.000 euros..
O Centro de Interpretación dos Muíños de Auga da Costa da Morte xa conta cunha nova mostra expositiva. O alcalde, José Manuel López Varela, e o vicepresidente da Deputación da Coruña, Xosé Regueira, copresidiron este mediodía a visita inaugural ás renovadas instalacións que foi guiada polo representante de Puertas Afuera Comunicación Medioambiental y Cultura, S.L., a empresa encargada da execución do proxecto, incluíndo a elaboración de todos os contidos.
A finalidade da iniciativa é dar un impulso ao museo e modernizalo desde unha tripla perspectiva conceptual, formal e funcional para ofrecer unha experiencia máis completa e enriquecedora aos visitantes despois de máis de quince anos desde a apertura do centro. Potenciar o atractivo turístico dos contidos do museo, con novos paneis e material audiovisual, tamén significa poñer en valor o patrimonio etnográfico vinculado aos muíños de auga como elementos fundamentais da historia do termo municipal da Laracha.
A intervención supuxo un investimento de 48.000 euros, financiados nun 80 % pola Deputación da Coruña e nun 20 % polo Concello. Tanto o alcalde da Laracha como o vicepresidente da Deputación valoraron a cooperación e o bo entendemento entre ambas administracións para facer realidade o proxecto.
José Manuel López Varela explicou que “detectamos que tiñamos que darlle un novo aire ao museo”, e mostrouse satisfeito co resultado xa que agora “podemos ofrecer unha instalación máis didáctica, educativa e cultural”. Concluíu afirmando que “ademais de poñer en valor os muíños e a reitoral, queremos que a xente acuda a visitar o museo e desfrutar del”, citando con carácter especial aos “grupos de escolares para que veñan descubrir o noso patrimonio e un centro de referencia na Costa da Morte e na provincia da Coruña”.
Xosé Regueira destacou o “labor importante na recuperación do patrimonio” realizado entre Concello e Deputación, e referiuse ao museo como un “centro que xogou un papel importante no pasado e vai xogar outro destacado no futuro, xa que por situación xeográfica pode ser referente dun itinerario que inclúa Soandres e o Castro de Montes Claros”, ademais de citar o proxecto Os fogóns do Anllóns co que a Deputación está a potenciar ese río que discorre tamén moi preto de Golmar.
Durante os últimos anos o Centro de Interpretación dos Muíños de Auga da Costa da Morte albergou diversidade de iniciativas culturais e educativas tanto para o público infantil como para o xuvenil e adulto centradas no coidado do medio ambiente e na recuperación da memoria rural do municipio, tan relacionada co campo, a agricultura e, por tanto, cos muíños de auga. Esta actividade levouno a obter o recoñecemento como Centro Azul que outorga a Asociación de Educación Ambiental y del Consumidor (ADEAC). No acto de hoxe aproveitouse, tamén, para izar a bandeira con ese distintivo.
No momento actual as visitas ao museo de Golmar son exclusivas para grupos e deben ser concertadas previamente. Os interesados deben poñer en contacto co Concello ou coa Oficina de Información Turística municipal.
Deja un comentario
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.