Saturday 28 de June de 2025

O Pleno aproba unha declaración con motivo do Día do Orgullo na que se reafirma o compromiso institucional coa defensa dos dereitos das persoas LGBTIQ+


A Corporación municipal, na sesión ordinaria do mes de xuño, deu luz verde a unha declaración institucional con motivo do Día do Orgullo na que se reafirma o apoio municipal ás mobilizacións e actos convocados polo movemento LGBTIQ+ no 28 de xuño, “recoñecendo o seu valor como ferramenta de visibilización e loita polos dereitos humanos”. O Pleno arrancou cun minuto de silencio polas últimas vítimas da violencia machista.

A declaración institucional tamén salienta a entrada en funcionamento do Servizo de Asesoramento LGBTIQ+  na Casa das Mulleres Xohana Torres que o consolida “como un espazo de referencia na defensa da igualdade e dos dereitos do colectivo. Isto responde así a unha demanda histórica do movemento asociativo LGBTIQ+ de Compostela. Forma parte do compromiso que ten este Concello co impulso de políticas ambiciosas e transversais en materia de igualdade”.

Por todo isto, a Corporación Municipal do Concello de Santiago de Compostela acorda reafirmar o apoio institucional ás mobilizacións e actos convocados polo movemento LGBTIQ+ no 28 de xuño; garantir unha perspectiva LGBTIQ+ interseccional e transversal en todas as políticas públicas municipais, especialmente en áreas como educación, mocidade, cultura, saúde, benestar social e urbanismo; consolidar e difundir o Servizo de Asesoramento LGBTIQ+ da Casa Xohana Torres, garantindo a súa continuidade e o acceso libre, seguro e confidencial para todas as persoas; impulsar a recuperación e difusión da memoria LGBTIQ+ compostelá, incorporando voces silenciadas á narrativa histórica da cidade e creando espazos simbólicos de recoñecemento e homenaxe; e desenvolver campañas de sensibilización fronte á LGBTIQ+fobia e aos discursos de odio, tanto nos espazos físicos da cidade como nas redes sociais, en colaboración cos colectivos locais.

Noutra orde de cousas, tamén se aprobou a proposta da Alcaldía para a concesión de títulos, honras e distincións ao Irmán Mariano; ao último alcalde de Enfesta, Manuel Balado; e ao sindicalista Ramón Reboiras. O punto recibiu o voto favorable de BNG, CA, PSOE, concelleiro e concelleiras non adscritas e a abstención do PP.

Outros asuntos

No pleno de hoxe tamén se aprobou por unanimidade a proposición para impulsar a reserva de contratos reservados a centros especiais de iniciativa social e a empresas de inserción, presentada polo grupo municipal do PSdeG-PSOE; así como a moción para instar ao Goberno do Estado a dar cumprimento á disposición adicional sexta da Lei 21/2021, de 28 de decembro, e realizar unha auditoría independente das contas da Seguridade Social presentada polo BNG, CA e concelleiro e concelleiras non adscrito/as.

Deja un comentario