Turismo de Galicia participará como expositor neste certame que se desenvolverá entre os días 22 e 23 de marzo
O Carrousel du Louvre de París será a sede do Salón Réunir International Trade Show 2016 no que Turismo de Galicia presentará a oferta turística galega relacionada co mercado dos congresos e as reunións corporativas entre os días 22 e 23 de marzo.
Este será o terceiro evento especializado na promoción do turismo de negocios no que participa Turismo de Galicia este ano, logo de promover este segmento turístico nos certames ConfecRed 2016, que reuniu o pasado mes de febreiro en Abu Dhabi aos principais axentes británicos especializados na compra de viaxes relacionados co turismo de negocios, e o Meeting & Incentive Summit, que se desenvolveu o pasado día 8 en Madrid.
Así, en París, Turismo de Galicia contará cun espazo para manter xuntanzas cos principais operadores turísticos europeos especializados en turismo de negocios e ao mesmo tempo informar aos profesionais sobre as posibilidades da oferta turística galega neste ámbito.
Polo que respecta á promoción desta modalidade turística en Galicia, o departamento de Turismo da Xunta, ten previsto participar nos 11 eventos máis destacados que se celebrarán en Europa en 2016 e que están relacionados cos principais mercados internacionais.
Destino de turismo de negocios
Por outra parte, Galicia tense consolidado nos últimos anos como un completo destino de turismo de negocios grazas ao incremento e mellora das infraestruturas precisas para a organización de congresos, convencións e viaxes de incentivo.
O incremento das prazas hoteleiras, a creación de pazos de congresos, a apertura de instalacións especiais para celebrar eventos e a aparición de empresas especializadas, son os factores máis salientables dentro do desenvolvemento desta modalidade turística en Galicia.
Estas infraestruturas hoteleiras e de servizos, unidas aos grandes atractivos de Galicia converten a nosa comunidade nun destino ideal para a organización de reunións e eventos.