No encontro abordouse a importancia do asociacionismo neste sector e analizouse coas profesionais as vantaxes que suporía a súa adhesión nunha asociación deste tipo
A directora xeral de Desenvolvemento Pesqueiro, Susana Rodríguez, participou esta semana na xuntanza preparatoria para a creación dunha asociación nacional de mulleres do sector pesqueiro. Este encontro celebrouse co fin de analizar coas traballadoras do mar as vantaxes que suporía a súa integración nunha asociación de carácter nacional.
Á xuntanza asistiron representantes de 14 asociacións de redeiras, mariscadoras e profesionais da pesca de todo o litoral. Nela realizouse unha reflexión do traballo das mulleres do sector pesqueiro da nosa comunidade, poñendo en valor a importancia do asociacionismo profesional, co fin de impulsar a súa adhesión nunha futura federación nacional do sector pesqueiro na que traballa o Ministerio de Agricultura, Alimentación y Medio Ambiente en colaboración coa Confederación Española de Pesca (CEPESCA).
O papel da futura federación sería dar visibilidade ao labor diario das mulleres do mar e incrementar a conciencia social sobre a importancia da súa contribución ao sector marítimo pesqueiro. Ademais, a asociación buscará impulsar o seu liderado e participar de xeito activo nos órganos representativos decisorios e consultivos do sector.
A creación desta asociación concíbese tendo en conta que o programa operativo do Fondo Europeo Marítimo e da Pesca (FEMP) contempla o apoio ao asociacionismo feminino e á creación dunha organización de mulleres profesionais do mar de carácter nacional que favoreza a súa representatividade.
Profesionais do mar
En Galicia as mulleres representan máis do 84% das persoas que se dedican ao marisqueo, o 84% das redeiras, máis do 23% das que se traballan na acuicultura mariña e o 70% das traballadoras das fábricas transformadoras e conserveiras. Á vista do datos, cabe dicir que estas profesionais son reflexo de que a muller conseguiu profesionalizarse e agruparse.